• O vicepresidente segundo estivo acompañado polo alcalde e o tenente de alcalde, a directora xeral de Administración Local e polo delegado territorial do Goberno galego

  • Entre outras melloras, a asociación fixo unha ampliación e acondicionamento do local, colocando pavimentos nos aseos, fiestras e portas

  • O presidente da asociación solicitoulle axuda para actuar sobre o tellado

20230328 Diego Calvo visita local social A Riba 12

 

20230328 Diego Calvo visita local social A Riba 5O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, acompañou onte pola tarde ao vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, durante a visita que fixo ao local da Asociación de veciños Nosos Aires da Riba, que foi mellorado cunha achega da Xunta de 12.000 euros. Diego Calvo estivo acompañado pola directora xeral de Administración Pública, Natalia Prieto; polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e polo tenente de alcalde bañense, César Ramos.

O presidente da asociación, José Manuel Ramos Freita, e membros da directiva, ensináronlle os traballos realizados no local coa subvención do Goberno galego. As melloras consistiron en actuacións nas cimentacións, na estrutura ou no peche das fachadas para gañar superficie coa zona ampliada, ademais de colocar as fiestras e portas e o pavimento dos aseos, proceder ao pintado das paredes mantendo a harmonía co edificio principal e á montaxe dun falso teito. Os traballos incluíron a instalación dunha bomba para a captación de auga e melloras no saneamento, no sistema eléctrico e no alumeado.

A Asociación de veciños Nosos Aires resultou beneficiaria con 12.000 euros das axudas anuais da Xunta destinadas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e a comunidades de usuarios de augas, ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria. Segundo informou a Xunta, esta liña estivo dotada con 3 millóns de euros destinados tanto a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e nas instalacións das traídas de augas comunitarias, como á adquisición de equipamento como mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos específicos.

20230328 Diego Calvo visita local social A Riba 4Diego Calvo puxo en valor o importante labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol da dinamización da vida social e incidiu na necesidade de que conten con espazos axeitados para o desenvolvemento das súas actividades. Así, lembrou que o obxectivo destas subvencións é mellorar a calidade de vida local, tendo en conta que os colectivos beneficiarios son as entidades máis próximas á cidadanía á hora de atender e canalizar as súas demandas.

O presidente da asociación explicoulles ás autoridades as melloras realizadas no local social, que mellorou a súa accesibilidade cunha rampla exterior que foi financiada pola Xunta en convocatorias anteriores. Ao mesmo tempo aproveitou para explicarlles que o colectivo necesita reformar o tellado do edificio, que se encontra deteriorado, para o que solicitou tamén o apoio da administración autonómica.

Andrés García Cardeso destacou a necesidade de que o Goberno galego se implique e axude a colectivos como Nosos Aires para poder seguir realizando actividades. “Esta asociación é moi activa e organizan moitas actividades durante todo o ano”, recalcoulle o alcalde ao vicepresidente segundo.