• O alcalde, Andrés García Cardeso, destaca a valía do homenaxeado ||

  • César Ramos: “Con este acto cumprimos unha vella reivindicación” ||

  • Viúva e familiares non puideron conter a emoción nun acto con gran asistencia de público e no que tamén se inauguraron os novos vestiarios do campo de fútbol ||

 20230401 Banha pon nome Campo Municipal Futbol Antonio Martinez 38

O Concello da Baña rendeulle unha homenaxe ao que fora un dos fundadores da SD A Baña e gran impulsor do deporte no concello, coñecido como O Cubano, ao inaugurar unha placa para chamarlle ao campo de Cartas, Campo municipal de fútbol Antonio Martínez.

No acto, presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, estiveron presentes a viúva do homenaxeado, Teresa Méndez, e vario familiares; así como os expresidentes da SD A Baña Francisco Villaverde (que tamén foi alcalde da Baña), José Manuel Ramos, Antonio Negreira, Raúl Mayo e Victorino García, así como directivos e ex directivos do club.

20230401 Banha pon nome Campo Municipal Futbol Antonio Martinez 21

García Cardeso entregoulle un ramo de rosas a dúas netas de O Cubano, Carla e Iria, que o recolleron moi emocionadas. Despois, autoridades, familiares e público asistentes achegáronse ata a entrada do recinto deportivo para descubrir a placa co novo nome das instalacións: Campo municipal de fútbol Antonio Martínez. Un momento no que a viúva e algúns familiares non puideron conter as lágrimas.

O alcalde agradeceu a presencia do numeroso público e destacou a valía de Antonio Martínez , mentres que César Ramos remarcou que “Con este acto cumprimos unha vella reivindicación. Pola súa banda, Franciso Villaverde recordou como el e O Cubano fundaron a SD A Baña a finais dos anos setenta e comezaron a inculcar na xuventude o amor polo fútbol.

20230401 Banha pon nome Campo Municipal Futbol Antonio Martinez 43

Despois, unha neta de Antonio Martínez cortou a cinta inaugurando os novos vestiarios do campo municipal de fútbol. Estas instalacións foron acondicionadas pola brigada municipal nuns módulos que foron doados ao Concello por Antonio Casal, a quen César Ramos deu as gracias pola súa colaboración.

A homenaxe coincidiu co partido de fútbol da liga de veteranos que disputaron os equipos da Baña Veteranos e o Advoc JR Motor & Arturo un combinado que tamén xoga como local na Baña. O encontro rematou con 4-0 a favor da Baña Veteranos.

Ao rematar o encontro, o público asistente puido degustar unha churrascada ofrecida pola SD A Baña, A Baña Veteranos e a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.

Podes ver máis fotos do acto no facebook neste enlace

20230401 Banha pon nome Campo Municipal Futbol Antonio Martinez 24