O Concello da Baña acaba de clausurar as actividades do curso 2020-2021 nas Escolas deportivas Municipais, editando un vídeo no que se recollen as diferentes disciplinas que se ofertaron este ano e se invita a pequenos e maiores a seguir facendo deporte o curso que vén.
Con esta peza audiovisual o Concello quere amosar o que se traballou este ano tan atípico nas Escolas Deportivas Municipais. Nesta ocasión, e debido a normativa sanitaria da covid-19, non se puido celebrar a tradicional xornada de exhibición, na que familiares e amigos achegábanse ata o polideportivo de San Vicenzo para ver a evolución dos e das participantes.
Este curso, as Escolas Deportivas Municipais da Baña ofertaron as disciplinas de tenis de mesa, expresión corporal, patinaxe, baile moderno, pilates, karate, xadrez e expresión corporal para maiores.
Dende o Concello queren agradecer a colaboración tanto das persoas participantes como do equipo de monitores e monitoras, para adaptarse á normativa sanitaria vixente en cada momento para que as Escolas Deportivas Municipais da Baña se celebrarán durante todo curso.