• As axudas destínanse a investimentos en equipamento e infraestruturas, a promoción da actividade física, a participación en competicións e a organización de eventos deportivos

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe unha batería de subvencións dirixidas a entidades deportivas para axudalos a fomentar a actividade física, dotarse de equipamento, acometer infraestruturas ou organizar eventos de gran envergadura. Tamén recolle as achegas dirixidas aos clubs para cubrir os gastos da súa participación en competicións. A Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deportiva da Baña lembra que as solicitudes poderán presentarse dende mañá, martes 8 de febreiro, ata o 18 de abril no caso da organización de eventos e ata o 8 de marzo para o resto das axudas, e poderán xustificarse ata 31 de marzo do vindeiro ano 2023. Tanto as solicitudes como o resto dos trámites realizaranse de xeito telemático na plataforma SUBTEL da sede electrónica da Deputación da Coruña.

Estas son as catro liñas de achegas:

1. Programa de subvencións a entidades deportivas da provincia, sen ánimo de lucro, para infraestruturas e equipamento deportivo durante o ano 2022.

  • Dirixida a entidades de carácter deportivo, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro da Xunta.
  • As axudas oscilan entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 40.000 para facer investimentos.
  • O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 8 de marzo ás 14.00 horas.

Consulta as bases picando nesta ligazón

2. Programa de subvencións a entidades da provincia, sen ánimo de lucro, para a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte durante o ano 2022.

  • Dirixida a entidades privadas sen ánimo de lucro, incluídas as federacións deportivas, con domiclio fiscal na provincia da Coruña e que teñan entre os seus obxectivos o fomento do deporte ou a formación en materia deportiva.
  • As achegas abranguen dun mínimo de 1.000 euros a un máximo de 30.000 euros.
  • O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 8 de marzo ás 14.00 horas.

Consulta as bases picando nesta ligazón

3. Programa de subvencións para clubs deportivos da provincia, sen ánimo de lucro, que teñan equipos ou deportistas participando competición federada de ámbito local, provincial ou autonómico durante o ano 2022.

  • Dirixida a clubs, legalmente constituídos e con domicilio fiscal na provincia da Coruña, con equipos ou deportistas en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial ou autonómico. Excepcionalmente, poderán participar clubs que teñan 5 ou menos deportivas individuais que no ano 2022 compitan a nivel nacional ou internacional.
  • As axudas, que se destinarán a sufragar os gastos derivados da participación dos deportistas en competicións oficiais, oscilará entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 60.000 euros.
  • O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 8 de marzo ás 14.00 horas.

Consulta as bases picando nesta ligazón

4. Programa de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de grandes eventos deportivos singulares de especial interese na provincia durante o ano 2022.

  • Dirixida a entidades que acrediten ser as organizadoras dos eventos para os que piden a achega.
  • As axudas oscilarán entre un mínimo de 6.000 euros e un máximo de 70.000 euros.
  • O prazo de presentación das solicitudes finalizará o 18 de abril ás 14.00 horas.

Consulta as bases picando nesta ligazón.