• Contan xa con 125 inscricións fronte ás 74 de 2021

  • Incorporan por primeira vez as modalidades de judo e tenis, esta última de xeito gratuíto

  • O vindeiro luns comezarase a impartir balonmán, tamén de balde

Cun total de 125 inscricións rexistradas ata o momento, as Escolas Deportivas da Baña iniciaron este curso 22/23 cun incremento de participantes do 69 por cento en comparación co ano pasado, cando as persoas anotadas nas distintas actividades foron 74.

Ademais dun aumento significativo de matrícula en disciplinas como pilates, que pasou de 12 a 20 participantes, ou karate, que pasou de 7 a 11, cabe salientar que baile moderno conta agora con 13 usuarios, cando o ano pasado non se chegou a impartir por falta dun número mínimo de inscricións. Así mesmo, hai que subliñar que este curso se ofrecen por primeira vez modalidades como judo, que conta con oito anotacións, e tenis. Nesta última actividade, que se oferta de xeito gratuíto grazas ao plan Corresponsables da Xunta, anotáronse 19 rapazas e rapaces.

Tamén no marco do plan Corresponsables, as xestións da Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte permitirán que a partir do vindeiro luns 17 de outubro se incorpore ao abano de actividades a modalidade de balonmán en colaboración co Club BM Xallas. As clases, que se desenvolverán todos os luns de 17.30 a 18.30 horas no pavillón de San Vicenzo, desenvolveranse ata o mes de xaneiro sen custo algún.

Xunto á ducia de actividades xestionadas directamente dende o Concello -fútbol sala, baile moderno, judo, balonmán, pilates, expresión corporal para menores e adultos, kárate, tenis, tenis de mesa, patinaxe artística e xadrez en liña-, a oferta deportiva da Baña complétase coa actividade de zumba, disciplina que conta cunha grande aceptación (hai 19 persoas apuntadas) e imparte en Lañas a empresa Juguetón a través dun convenio de colaboración.

A Concellería de Promoción de Vida Activa e Deporte asinou así mesmo outro convenio de colaboración para que o Club Baloncesto Brión poida adestrar no pavillón de San Vicenzo, o que permitirá promocionar este deporte na Baña.

As actividades e os horarios das Escolas Deportivas pódense consultar no seguinte cadro:

Horarios Escolas Deportivas Bana