• O sábado 1 de abril celebrarase unha homenaxe no descanso do encontro dos Veteranos da Baña

  • No acto inauguraranse tamén os novos vestiarios do campo de fútbol

20230329 Antonio martinez web

 

20230329 PlacaO campo municipal de fútbol da Baña, situado en Agra de Cartas, levará o nome de Antonio Martínez, en homenaxe a unha figura fundamental da Sociedade Deportiva A Baña e do deporte local. O sábado 1 de abril celebrarase un acto de homenaxe no descanso do partido da categoría de veteranos e descubrirase unha placa no seu recordo, logo de que o Pleno do concello aprobase por unanimidade concederlle o recoñecemento de dar nome a estas instalacións deportivas.

Antonio Martínez Fernández, máis coñecido polo alcume do Cubano, foi fundador, presidente e directivo da Sociedade Deportiva A Baña durante máis de 30 anos. O Pleno municipal decidiu, na sesión ordinaria celebrada o martes 28 de marzo e por unanimidade, poñerlle ao campo de fútbol o seu nome en atención aos "seus méritos como veciño da Baña e no seu labor na promoción do deporte, en especial do fútbol, no municipio". Martínez Fernández, falecido en 2016 aos 92 anos, formou parte da directiva do club desde a súa fundación, en 1978, e ostentou a presidencia durante máis de tres décadas, nunha “vida dedicada de forma altruísta á SD A Baña, e tendo un labor moi importante na promoción do deporte no municipio".

20230329 VestiariosA homenaxe a esta figura clave na difusión do deporte bañense levarase a cabo o próximo sábado, 1 de abril, ás 17 horas, coincidindo co partido entre o equipo de Veteranos da Baña e o Advoc. Jr Motor & Arturo, un combinado que tamén xoga como local no campo de Cartas. No descanso do encontro descubrirase a placa coa lenda Campo municipal de fútbol Antonio Martínez e, ademais, inauguraranse os novos vestiarios de que goza a instalación. Para rematar, o público asistente poderá participar na churrascada ofrecida pola SD A Baña, Veteranos A Baña e a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.

 

Autor da fotografía de Antonio Martínez: Javier Iglesias Ramos.