-
inscricións xa están abertas na páxina www.carreirasgalegas.com //
-
Conta cunha carreira absoluta de 28 quilómetros, un minitrail de 16Km, un trial promesa de 8Km e unha andaina non competitiva //
-
Poden participar todas as persoas que o desexen, federadas ou non //
O Trail da Baña chegará o domingo 6 de outubro á súa sétima edición, a primeira na que será puntuable para o ranking do Circuíto Galicia Trail Running Series, dependente da Federación Galega de Atletismo. O presidente deste organismo, Iván Sanmartín, acompañou ao alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, na presentación da proba. Tamén participou no acto Borja Collar, responsable deJ Trainers&co., a empresa encargada da organización.
Ademais de entrar no Circuíto Galicia Trail Running Series, o VII Trail da Baña contará como novidade con clasificacións específicas para as categorías Sub 16 e Sub 18. Estas persoas mozas correrán na proba de 8 quilómetros, aberta tamén a todas as persoas adultas que queiran participar.
O Trail da Baña terá un total de catro modalidades: un trail de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros, un minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros, un trail promesa de 8 quilómetros e unha andaina non competitiva de 10 quilómetros. A idade mínima de participación é de 12 anos. Os menores deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa maior de idade.
As distancias de trail longo contarán coas categorías sénior (dende 2006), máster 1 (persoas nadas entre 1989 e 1979), máster 2 (persoas nadas en 1978 e anos anteriores) e absoluta. No trail curto eastablécense as categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs clasificados, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.
Puntuarán para o ranking galego as probas de trail longo de 28 quilómetros nas categorías Classic Sub 23, absoluto e máster. Na proba curta, de 8 quilómetros, quedarán rexistradas as marcas en Preclassic Sub 20, Sub 18 e Sub 16.
A saída efectuarase dende o pavillón de San Vicenzo a partir das 9.45 horas, cando comecen a correr os participantes no trail. Sairán logo o minitrail, ás 9.55 horas; e o trail promesas, ás 10.00h. A andaina poñerase en marcha cinco minutos despois, ás 10.05h.
As inscricións quedarán abertas dende o martes 6 de agosto ao martes 1 de outubro na páxina www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 18€ para o trail, 15€ para o minitrail, 12€ para o trail promesas e 9€ para a andaina. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo, contarán con varios puntos de abastecemento ao longo do percorrido e poderán gozar dun catering final, no que tamén terán a oportunidade de coñecer e saborear as tradicionais filloas da pedra da Baña.
Probas que combinan deporte e natureza
Durante a presentación, o alcalde da Baña destacou a aposta do Concello da Baña por este tipo de probas que combinan deporte e aventura co contacto coa natureza. José Antonio Pereira incidiu en que o percorrido permitirá coñecer e desfrutar de fermosas paraxes, comezando polo treito á beira do río Alvariña, e animou á participación co obxectivo de superar as preto de 300 persoas que se deron cita na pasada edición.
Na mesma liña se manifestou a concelleira de Deportes, Ana Pensado, quen se referiu ao Trail da Baña como unha proba de referencia na comarca do Val do Barcala.
Iván Sanmartín, pola súa parte, destacou a normativa ecolóxica que se aplica no Circuíto Galicia Trail Running Series, que, entre outras medidas, supón a utilización dunha cinta reutilizable para marcar o percorrido ou que obriga ás persoas participantes a levar un recipiente para ir reenchendo de agua coa fin de evitar os envases de plástico.
As bases do trail poden consultarse no arquivo adxunto.