-
A primeira cita será o Día da Bicicleta, cunha proposta familiar e lúdica //
-
A Carreira pedestre e o Torneo de Minibásquet son as principais novidades dunha programación que inclúe eventos consolidados como o Trail ou os torneos de pádel e xadrez //
-
O Día do Deporte marcará en setembro o inicio do curso das Escolas Deportivas Municipais, con exhibicións e competicións ao aire libre //
A primeira edición do Día da Bicicleta inaugurará en febreiro unha ampla programación de actividades deportivas para o ano 2025, deseñada polo Concello da Baña para promover un estilo de vida activo e saudable entre a poboación de todas as idades. O Concello da Baña presenta unha variada oferta que combina eventos xa consolidados no calendario deportivo local, como o Trail da Baña ou os torneos de pádel e de xadrez, con novidades como a Carreira Pedestre ou o Torneo de Minibásquet, ademais de actividades ao aire libre, como o Día do Deporte ou o piragüismo no río Tambre.
A programación comezará en febreiro coa celebración do primeiro Día da Bicicleta, que terá lugar o domingo 16, coincidindo coa celebración da Festa da Filloa da Pedra. Será unha actividade non competitiva, de carácter familiar e lúdico, ideal para gozar dunha mañá de deporte en compañía. Xa en marzo, será a quenda do Torneo de Minibásquet, tamén na súa primeira edición, que se organizará en colaboración co club Deleite Baloncesto Brión e estará dirixido ao público escolar, promovendo o baloncesto desde as idades máis temperás.
O mes de abril incluirá dúas iniciativas destacadas: a primeira edición da Carreira Pedestre, organizada coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, que contará con distancias adaptadas tanto para escolares como para persoas adultas; e o xa consolidado Campus Deportivo, que terá lugar durante as vacacións de Semana Santa en horario de mañá, ofrecendo unha opción de conciliación para familias con nenos e nenas de 3 a 14 anos.
En maio, a programación continuará cunha saída de piragüismo ao río Tambre, unha actividade que xa se realizou noutras ocasións e que sempre conta cunha boa acollida. Ademais, ese mesmo mes organizarase unha xornada saudable para persoas adultas, con masterclasses de pilates, ioga e relaxación.
O peche do curso deportivo celebrarase en xuño, cunha gala de clausura das Escolas Deportivas Municipais na que se ofrecerán exhibicións das distintas disciplinas practicadas ao longo do ano, como baile moderno, baloncesto, patinaxe artística, tenis, tenis de mesa, xadrez e judo. Tamén en xuño terá lugar a cuarta edición do Torneo de Xadrez, unha competición puntuable para o circuíto intercomarcal de xadrez da Deputación da Coruña.
Actividades de verán e de inverno
No mes de xullo, a veciñanza poderá desfrutar dunha saída ao parque acuático, unha actividade aberta a todas as idades, e dos cursos de natación que se impartirán na piscina municipal de Agra de Chans en horario de mañá. Xa en agosto, será a quenda da Festa da Auga, que se celebrará tamén na piscina municipal, ofrecendo unha xornada refrescante e lúdica para os días de verán.
Setembro marcará o inicio dun novo curso das Escolas Deportivas Municipais, que se desenvolverán ata xuño de 2026 coincidindo co calendario escolar. Para celebralo, organizarase o Día do Deporte, con torneos e exhibicións que terán lugar ao aire libre na praza do Concello, convertendo este evento nunha cita central da programación anual.
O outono estará marcado pola celebración, en outubro, dunha nova edición do Trail da Baña, unha das probas de montaña máis destacadas de Galicia, recentemente recoñecida na I Gala do Trail Running Galego. A edición anterior acadou un récord de participación, con 300 inscritos nas modalidades de trail, minitrail, trail promesa e andaina non competitiva. En novembro, será a quenda do Torneo de Pádel, que chegará á súa cuarta edición e se celebrará no pavillón de Lañas, dirixido a xogadores afeccionados maiores de 10 anos. Este torneo conta con gran popularidade, alcanzando un récord de 45 parellas inscritas na súa última convocatoria.
A programación deportiva pecharase en decembro cunha saída á pista de xeo, unha actividade aberta a toda a veciñanza que servirá para celebrar as festas de Nadal con deporte e diversión en familia.
Aviso importante: a programación deportiva poderá sufrir modificacións ao longo do ano por motivos organizativos ou climatolóxicos. O Concello da Baña informará puntualmente de calquera cambio a través das súas canles oficiais para garantir a participación e o goce das actividades por parte de toda a veciñanza.