• O alcalde, José Antonio Pereira, informou da advertencia da Subdirección General de Gestión Presupuestaria por non cumprir coa legalidade

  • Achaca esta situación a mala xestión do bipartito PP-CG e, tamén, que o concello perdera máis de 10.000 euros en dúas subvencións

  • Un informe da Tesorería-Intervención recoñece que nos cinco primeiros meses deste ano fixéronse gastos “sen ningún tipo de fiscalización previa” que “sobrepasaron calquera estimación da tesourería municipal”

  • Todos os puntos do pleno ordinario foron aprobados por unanimidade

 

 

O pleno ordinario celebrado onte na Baña aprobou todos os puntos da orde do día por unanimidade. Ao empezar o apartado de rogos e preguntas, o alcalde, José Antonio Pereira, foi especialmente crítico coa xestión que fixo o bipartito formado por PP e Compromiso por Galicia  durante o primeiro semestre deste ano, antes das eleccións municipais, “no que gastaron sen control e deixaron unha débeda de case 1,6 millóns de euros”. Pereira informou ao Pleno da advertencia que lle fixo ao Concello a Subdirección General de Gestión Presupuestaria do Goberno central por non cumprir co período medio de pago a provedores, que a lei establece en 60 días e que na Baña está por riba dos 140 días. 

José Antonio Pereira dixo que dende Secretaría-Intervención se emitiu un informe para contestar a advertencia do Ministerio. Un informe especialmente critico coa xestión do bipartito PP-CG e do que Pereira Gil leu tres parágrafos que deixan claro “o descontrol no gasto” do anterior goberno municipal.

O informe sinala que durante 2023 dispárase o período medio de pago a provedores (PMP), especialmente no segundo trimestre. “Non é de estrañar que isto suceda paralelamente á convocatoria das eleccións municipais de maio de 2023. Durante os cinco primeiros meses do ano, e non só, realizáronse encargos a diferentes empresas e provedores sen ningún tipo de fiscalización previa, ni tan sequera un mínimo interese pola tramitación dos expedientes administrativos correspondentes”, di o informe que continúa: “Estes encargos derivaron, obviamente, nun aumento dos importes facturados ao Concello da Baña que sobrepasaron calquera estimación previa da tesourería municipal”.

“Sabendo que durante o primeiro semestre do ano 2023 realizáronse máis encargos dos que razoablemente poden soportar as arcas municipais nun so exercicio, as facturas non tramitadas durante o cuarto trimestre serán obxecto dun recoñecemento extraxudicial de crédito en xaneiro de 2024. Este recoñecemento non será precisamente pequeno e minorará o crédito orzamentario de 2024, especialmente no capítulo II de gastos”, sinala o informe.

Entre as conclusións do informe remitido ao ministerio, o secretario-interventor recolle que no actual mandato (2023-2027) “estanse a introducir medidas de eficiencia na asignación de recursos públicos en base a criterios obxectivos. Redúcense e pretendese seguir a reducir os gastos ao mesmo tempo que se pretende aumentar ingresos”.

José Antonio Pereira volveu criticar a mala xestión do bipartito ao asegurar que o Concello da Baña acababa de perder algo máis de 10.500 euros en dúas subvencións de 2022, por non poder xustificar debidamente todos os gastos. Na subvención de biorresiduos “o concello perdeu 6.861 euros porque varias facturas pagáronse fora de prazo, despois do 30-12-2022” e no plan marco de camiños 2022, “perdemos outros 3.715 euros porque a empresa non cumpre co control, non se fixo a totalidade do proxecto e algunhas facturas non son admitidas pola Xunta”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde, Mónica González Blanco, tamén criticou no pleno que dende a Xunta de Galicia non se estea a dar resposta aos problemas que está a xerar no CPI San Vicente o retraso na execución das obras de reforma do centro. O contrato asinouse en abril con 4 meses de execución, “pasaron xa 7 meses e os problemas son constantes”, dixo. González Blanco foi especialmente crítica coa actitude da Consellería de Educación, “xa que nin o conselleiro nin o xefe territorial nos queren recibir para darnos explicacións”, asegurou a tenente de alcalde, ao tempo que informou que dende o BNG presentouse xa unha iniciativa no Parlamento de Galicia sobre este tema.

Aproveitando unha pregunta do voceiro do PP Alberto Blanco (Andrés García Cardeso non asistiu ao pleno por un problema de saúde) sobre o mal funcionamento do rego no campo municipal de fútbol, José Antonio Pereira díxolle que non se podía arranxar porque a “partida orzamentaria de deportes está en negativo polo excesivo gasto feito antes das eleccións. Temos que agardar a aprobar os orzamentos do vindeiro ano”. 

O alcalde aproveitou para criticar a mala xestión do anterior equipo de goberno. “Presumiron nas redes sociais de instalarar uns vestiarios no campo de fútbol que foran doados por una empresa, e resulta que o Concello tivo que pagar 7.260 euros polo módulo que se puxo alí e outros 1.657 euros pola conexión de auga. En total 8.917 euros”, asegurou.

20231130 Banha pleno ordinario novembro 3

 

Unanimidade en todos os puntos

Antes das críticas pola mala xestión do goberno anterior, a sesión comezou coa unanimidade dos tres grupos políticos en todos os puntos que se someteron a debate no Pleno. A aprobación definitiva do Regulamento de control interno do Concello da Baña e adhesión ao Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude da Deputación da Coruña foron votados a favor polos dez concelleiros presentes.

Tamén se acordou compartir un técnico de turismo cos concellos de Negreira e Val do Dubra e o servizo de normalización lingüística co de Negreira. O convenio co GDR Terras de Compostela para a xestión do Plan de sostibilidade turística en destino tamén se ratificou por unanimidade, ao igual que o convenio relativo ao obradoiro dual de emprego Constrúe en Verde 2023, no que participan A Baña, Negreira, Val do Dubra e Santa Comba.

Respecto ao obradoiro de emprego, do que inicialmente A Baña era o concello promotor, José Antonio Pereira explicou que os catro alcaldes mantiveron unha reunión coa directora xeral de Formación da Xunta para que se cambiase o concello promotor, ao que esta accedeu, designando á Santa Comba. Pereira Gil explicou a unha pregunta do PP que aínda que o obradoiro está subvencionado pola Xunta ao cento por cento, a situación económica do Concello da Baña (pola débeda que deixou o bipartito) “non nos permite pagar uns 40.000 euros mensuais de nóminas do alumnado e equipo docente deste obradoiro, motivo polo que solicitamos que o concello promotor fose Santa Comba”.

Na sesión tamén aprobouse por unanimidade unha moción do BNG solicitando que a Xunta de Galicia destine máis recursos, económicos e persoais, para loitar contra a violencia de xénero e para dotar aos centros de información a muller de persoal estable e con dedicación a xornada completa.