• Representantes de todos os grupos políticos municipais e da asociación Afonso Eanes descobren unha placa conmemorativa na casa da cultura
  • “Honra a memoria colectiva dos veciños da Baña e da comarca de Barcala”, sinala o alcalde, José Antonio Pereira
  • Ata finais de setembro permanecerá aberta a exposición ‘80 anos. Santiago de Compostela 1936’

20200817 Homenaxe 01

 

20200817 Homenaxe 02Coincidindo coa celebración do Día da Galicia Mártir, representantes de todos os grupos políticos municipais e da asociación cultural Afonso Eanes homenaxearon esta mañá na Baña a veciñanza vítima da violencia do golpe de Estado de 1936 e da ditadura franquista.

O acto, promovido pola Asociación Cultural Afonso Eanes, celebrouse na casa da cultura e comezou cunha pequena presentación e o recordo das persoas represaliadas, para continuar co descubrimento dunha placa conmemorativa, a interpretación do himno galego e a inauguración da exposición 80 anos. Santiago de Compostela 1936, que permanecerá aberta ata finais de setembro.

“Trátase dun acto que honra a memoria colectiva dos veciños e veciñas da Baña e tamén da comarca de Barcala”, subliñou o alcalde, José Antonio Pereira, na apertura do acto. Tamén Bruno Esperante, da asociación cultural Afonso Eanes, incidiu en que “este 17 de agosto de 2020 recuperamos unha memoria esquecida, da que non se podía falar nada máis que en familia”. “Serve para fechar as feridas”, afirmou.

A continuación, os distintos grupos políticos con representación municipal lembraron os dezanove veciños e veciñas da Baña que foron vítimas da ditadura franquista. Leron os seus nomes os concelleiros Ana Páramos, polo PSdeG; Andrés García, polo PP; e César Ramos, por Compromiso por Galicia. Pechou a lista Olalla Liñares, presidenta da asociación cultural Afonso Eanes, co recordo de varias persoas da comarca que foron asasinadas no cemiterio compostelán de Boisaca, entre eles os veciños da Baña Manuel Fagín Páramos e Juan Antonio Barros Manteiga. Así mesmo, un veciño pediu que fose incluído na lista o seu pai, Baldomero Manteiga Casais, preso durante catro anos e medio en Cantabria.

 

20200817 Homenaxe 03Exposición na Casa da Cultura

Despois da escoitar o himno galego e do descubrimento dunha placa de homenaxe ás vítimas na fachada da casa da cultura, os asistentes puideron coñecer por quendas a exposición 80 anos. Santiago de Compostela 1936, que mostra dun xeito gráfico cal era a situación social e política que se vivía na capital galega no ano 1936 e tamén as consecuencias que tivo o golpe de estado. Os primeiros visitantes contaron coas explicacións de Rafael García Ferreira, pertencente ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago. A mostra permanecerá aberta para toda a veciñanza ata finais de setembro na casa da cultura.

Fotos da homenaxe publicadas no Facebook do Concello da Baña.