- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 109
-
A área recreativa de Agra de Chans acollerá dende o mediodía unha xornada de actuacións e convivencia en torno á cultura popular
-
A cita contará coa participación de agrupacións locais e convidadas, ademais dunha proposta de narración oral con María da Pontraga
A área recreativa de Agra de Chans converterase o venres 1 de maio no escenario dunha nova edición da PequeRachada da Baña, unha cita arredor da música tradicional que pon o foco nas novas xeracións. A actividade dará comezo ás 13.00 horas e desenvolverase ao longo do día como un espazo aberto de participación, no que a cultura popular marcará o ritmo.
O encontro de escolas de música tradicional volverá ser o eixo do programa, reunindo agrupacións procedentes de distintos puntos e tamén formacións da propia Baña. No ámbito local participarán as Gaiteiras da Baña, as Pandeireteiras da Baña e Os Trallas da Baña. Xunto a elas estarán a agrupación Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo); OCT Ultreia Pandeireteiras, de Compostela; e a Asociación Cultural Brisas do Quenllo, de Tordoia, que se suman a esta xornada de intercambio arredor da música tradicional.
O programa inclúe tamén a proposta de narración oral Un saco de contos, de María da Pontraga, unha actividade dirixida a público infantil e familiar que combina historias e cancións de tradición oral. A través de pequenos relatos que beben da herdanza cultural, a sesión convida a descubrir personaxes do imaxinario popular e incorpora momentos de participación pensados para as crianzas.
A PequeRachada nace como un encontro no que a música tradicional se vive desde a base, promovendo o papel das novas xeracións como protagonistas e garantindo a continuidade do patrimonio cultural inmaterial. O formato aberto da xornada facilita a presenza das familias, que poden compartir o día ao aire libre nun ambiente no que a música e o lecer conviven de maneira natural.
A iniciativa está organizada pola Escola de Música Tradicional da Baña e polo Concello da Baña, coa colaboración da ACM Os Campantes da Baña, e consolídase como unha cita de referencia no calendario cultural local.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1461
20 de abril de 2026
O Boletín Oficial da Provincia publicar a convocatoria para a solicitude de praza na Escola Infantil Municipal para o curso 2026-2027.
O prazo para a presentación de solicitudes é do martes 21 de abril ao martes 5 de maio.
O formulario de solicitude pode descargarse nos arquivos adxuntos.
6 de abril de 2026
O Concello da Baña publica hoxe, 6 de abril, un anuncio polo que establece os prazos para a matrícula na Escola Infantil Municipal do Concello da Baña para o curso 2026-2027. As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude entre o 21 de abril e o 5 de maio, segundo o calendario establecido.
Os prazos establecidos son os seguintes:
- 20 de abril: publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), xunto cos modelos normalizados de solicitude de praza (para renovacións e novos ingresos).
- 21 de abril ao 5 de maio: prazo de presentación de solicitudes.
- 13 de maio: publicación da listaxe provisional de solicitudes admitidas.
- 14 ao 23 de maio: período de reclamacións da listaxe provisional.
- 01 de xuño: publicación da listaxe definitiva de solicitudes admitidas e dos formularios de matrícula.
- 2 ao 14 de xuño: período de presentación de matrícula.
As datas indicadas poderán sufrir variacións por razóns de servizo ou para cumprir cos prazos correspondentes.
Toda a información relativa a este proceso estará dispoñible na páxina web do Concello, na Sede Electrónica e nas diferentes canles de comunicación oficial.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 364
- Manuel Iglesias Turnes afirmou que “as filloas son cultura, son raíz, son parte da nosa historia, da nosa forma de vida. Os barcaleses levámolas no ADN”
- A organización repartiu máis de 8.000 unidades durante todo o día, soas ou acompañadas de chourizo ou orella
- Milleiros de persoas gozaron dunha variada oferta cultural e musical
- De Ninghures pechou a festa cun concerto que xuntou a centos de persoas

“As filloas ou son da pedra ou non son”, asegurou esta mañá Manuel Iglesias Turnes, pregoeiro dunha multitudinaria Festa da Filloa da Pedra da Baña. “As filloas son cultura, son raíz, son parte da nosa historia, da nosa forma de vida. Os barcaleses levámolas no ADN”, engadiu o escritor bañense durante o pregón. A organización repartiu durante todo o día máis de 8.000 filloas da pedra, asegurou a tenente de alcalde, Mónica González, encargada da organización.
Foron milleiros de persoas as que este domingo se achegaron ata a Baña para degustar as famosas filloas da pedra, que voluntarias e voluntarios estiveron preparando toda a fin de semana nas 35 pedras colocadas no polideportivo de San Vicenzo. Dende primeiras horas da mañá comezaron a despacharse unidades soas ou acompañadas de chourizo ou orella.
“Están boísimas”, aseguraron algunhas das persoas que acudiron á festa, corroborando así a afirmación que fixo Manuel Iglesias Turnes durante o pregón: “Non coñezo a ningunha persoa a que non lle gusten as filloas”.

Nos actos oficiais participaron o alcalde, José Antonio Pereira; Mónica González; o vicepresidente da Deputación da Coruña, José Regueira; a deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García; a concelleira do PP, Belén Capeáns, así como membros do goberno e da Corporación municipal.
A festa comezou xa a primeira hora coa II Ruta ciclista da Filloa, e continuou con degustación de Ternera Gallega e, todo o día, cunha variada e ampla programación cultural. O obradoiro de treboada, impartido por Oli Xiráldez, ou o de cestería tradicional de Luis do Río estiveron moi concorridos, aínda que non tanto como as actuacións da Escola de Música Tradicional da Baña, As Atrevidas de Monte ou a dos Pequenos da Baña, que animaron a bailar a moitas das persoas presentes.
O Trío Alborada animou a sesión vermú e, pola tarde, a música continuou coas actuacións de Bouba e A Requinta de Lampai, que se foron intercalando co obradoiro de máscaras En-mascara-Arte, e visitas ao mercado de artesanía situado no exterior do pavillón.
Unha das bandas galegas de moda, De Ninghures, protagonizaron un multitudinario concerto co que rematou a XXII Festa da Filloa da Baña.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 110
A iniciativa, aberta a toda a veciñanza, inclúe tres sesións formativas centradas na reflexión, o cambio social e a construción de relacións baseadas no respecto e os coidados || Hai que inscribirse a través de Servizos Sociais ou ben chamando aos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51

O Concello da Baña organiza durante o mes de maio o ciclo Camiñando cara á igualdade, un proxecto formativo centrado nas masculinidades igualitarias que busca fomentar unha sociedade máis xusta, consciente e libre dos prexuízos asociados á masculinidade tradicional.
A proposta está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos —tanto homes como mulleres— e pretende xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe colectiva no que desenvolver unha conciencia crítica e promover actitudes de cambio fronte á masculinidade hexemónica.
O programa desenvolverase ao longo de tres sesións que terán lugar na Casa de Cultura da Baña ao longo do mes de maio. A primeira delas celebrarase o venres 8, ás 19.30 horas, cunha palestra titulada A importancia do grupo no proceso de transformación.
A continuación, o venres 15, en horario de 19.30 a 21.30 horas, terá lugar o primeiro obradoiro, centrado en Patriarcado, identidades e límites.
O ciclo pecharase o venres 22 de maio, tamén de 19.30 a 21.30 horas, cun segundo obradoiro baixo o título Relacións dende os coidados e o bo trato.
As sesións serán impartidas por Senén, especialista en masculinidades igualitarias, quen guiará este proceso formativo orientado a revisar roles, cuestionar estereotipos e avanzar cara a modelos de relación máis igualitarios.
A participación require inscrición previa obrigatoria, que pode formalizarse a través dos Servizos Sociais do Concello da Baña ou nos teléfonos 981 88 65 01 e 629 15 40 51.
Este ciclo enmárcase no Plan Corresponsables, unha iniciativa que promove políticas públicas orientadas á igualdade e á corresponsabilidade social, reforzando o compromiso do Concello da Baña coa construción dunha sociedade máis igualitaria desde a base.
Os Reis Magos levan a maxia do Nadal ao pavillón de San Vicenzo na Festa de Reis do Concello da Baña
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 258
-
A Festa de Reis incluíu a entrega de premios do I Concurso de Decoración de Nadal, que recoñeceu a creatividade das aldeas participantes
-
A actuación do ilusionista Martín Camiña sorprendeu o público e completou unha xornada pensada para todos os públicos

A Festa de Reis da Baña volveu reunir este luns numerosas persoas no pavillón de San Vicenzo, onde a visita das súas Maxestades os Reis Magos se converteu no eixo central dunha tarde chea de ilusión, especialmente para a rapazada.
Os Reis Magos foron recibidos nun ambiente festivo no que repartiron agasallos e doces e escoitaron con atención as peticións e desexos dos nenos e das nenas. A celebración completouse cunha merenda de rosca e chocolate e coa actuación do ilusionista Martín Camiña, que sorprendeu o público cun espectáculo dinámico e participativo.
Ao longo da tarde tivo lugar tamén a entrega dos premios do I Concurso de Decoración de Nadal das aldeas da Baña, unha iniciativa impulsada polo Concello para fomentar a participación veciñal e ambientar o municipio durante as festas do Nadal. No acto participaron o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Ana Pensado, que fixeron entrega dos galardóns ás aldeas gañadoras desta primeira edición.
O primeiro premio, consistente nun lote de produtos de decoración de Nadal valorado en 300 euros, foi para Vilar de Cerdeiras, na parroquia de Corneira. O segundo premio, cun lote valorado en 200 euros, recaeu na Rúa das Dores, na Baña, mentres que o terceiro premio, dotado cun lote de 100 euros, foi para Vilar da Torre, na parroquia de Lañas.
Desde o Concello da Baña puxéronse en valor tanto a alta participación rexistrada no concurso como o ambiente vivido durante a Festa de Reis, destacando a boa acollida desta primeira edición e a vontade de seguir promovendo iniciativas que reforcen a convivencia e a implicación da veciñanza.
Ligazóns:


