• Hai que solicitar o permiso antes das 14:00 horas do martes 22 de xuño

  • A prohibición en lugares públicos quere evitar aglomeracións

  • Nos recintos privados só poderá asistir o número máximo de persoas que determine a normativa sanitaria

  • O alcalde emite un bando no que lembra tamén as normas que rexerán coa fin de evitar incendios

20210607 Cacharela San Xoan

Ante a inminencia da celebración da noite de San Xoán, entre o 23 ao 24 de xuño, o alcalde da Baña publica un bando municipal para lembrar que por causa da covid-19 establécese a prohibición de facer cacharelas en lugares públicos coa fin de evitar aglomeracións. Ademais, no caso de que se faga algunha fogueira nun recinto privado, terán que seguirse unha serie de recomendacións para previr a xeración de incendios forestais. As persoas que desexan realizar unha cacharela terán que presentar unha solicitude no Concello antes das 14:00 horas do martes 22 de xuño.

Á parte de en lugares públicos, tampouco se poderán facer cacharelas en terreos forestais ou nas proximidades de masas arbóreas. As queimas terán que gardar, alomenos, cinco metros de distancia con respecto a leña amoreada, liñas de tendido eléctrico e telecomunicacións e puntos de almacenamento de produtos inflamables.

O número de persoas asistentes á cacharela estará limitado ao que estableza a normativa sanitaria no momento de celebrarse a mesma.

Nas fogueiras non se poderán queimar plásticos, produtos inflamables ou envases presurizados e non poderán superar os 2 metros de altura nin ter máis de 6 metros de base. Estas medidas redúcense á metade (1 metro de altura e 3 de base) no caso de que o lume se faga a menos de 400 do monte.

Por último, as persoas que fagan a fogueira deberán contar cunha mangueira próxima ou baldes de auga e non abandonarán o lugar ata que o lume estea completamente extinguido e sexa humedecido con auga.

Ante calquera incidencia, o bando lembra os teléfono de emerxencias 112 e o 085 de aviso de incendios forestais.

O bando pode consultarse no documento adxunto