• Protagoniza o sétimo vídeo de ‘A Baña en feminino’ neste Día Internacional das Avoas e dos Avós

  • Avoga polo respecto para que as mulleres teñan o mesmo peso cós homes na sociedade

 

Carme Liñares, residente na parroquia de Cabanas e avoa de cinco netos, é neste Día Internacional das Avoas e dos Avós a protagonista dunha nova entrega da serie ‘A Baña en feminino’ coa que o Concello convida a reflexionar sobre o papel da muller e a igualdade de xénero nun municipio rural. “Chegar ao que temos hoxe foi bastante difícil porque a muller antes non tiña voto para nada”, afirma. Por iso cre que non se deben dar pasos atrás e apunta como factor clave o respecto entre homes e mulleres.

Carme subliña as grandes diferenzas que se poden apreciar entre a sociedade de cando ela era nova e a actual.  “Do día á noite. Agora todo é maquinaria: tes unha lavadora, unha neveira... Pero, ademais, as mulleres dispoñen doutra liberdade. Antes as mulleres estaban na casa, ían á misa vestidas de negro e co pano na cabeza e tamén a unha feira, pero hoxe van onde queren”, sinala.

Tamén pensa que por fortuna as mulleres teñen actualmente “máis do dobre” de oportunidades para poder desenvolverse en todos os eidos. “Algo tamén sería a ignorancia e agora a xente está máis preparada. Viviamos nun mundo máis pechado”, di. Pon de exemplo un acto tan corrente hoxe en día como o de ir buscar á moza a casa. “Non se lle dá ningunha importancia e antes era impensable”, advirte.

Outro dos cambios apréciase nas familias. No pasado era habitual que nunha casa viviran varias xeracións e botaran unha man cos pequenos mentres pai e nai traballaban. Hoxe, adoitan vivir sós a parella e os fillos, e os homes interveñen máis na crianza. Con todo, a conciliación segue pasando por poder contar cos avós e, sobre todo, coas avoas. É difícil, cre Carme Liñares, mudar a mentalidade dos maiores pero as novas xeracións si poden logralo.

A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce audiovisuais que se están a publicar na canle de Youtube do Concello ao longo deste ano.  A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie o pasado mes de xaneiro falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade. En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais.

Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar. Na mesma liña, coincidindo co Día do Libro o pasado 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados.

A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.

Verónica Liñares, enxeñeira de Montes, incidiu no mes de xuño que a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías. “A falta de referentes femininos non axuda a que as mulleres nos decantemos por este tipo de carreiras”.

20210726 Bana Feminino 07 Carme Linares