• A mestra e monitora de ocio e tempo libre protagoniza o oitavo vídeo de ‘A Baña en feminino’ no Día Internacional da Mocidade

  • Censura que os traballos relacionados co coidado de menores, persoas maiores e fogares estean ligados a mulleres

 

Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, protagoniza a oitava entrega da serie audiovisual ‘A Baña en feminino’, coa que o Concello promove o debate sobre o papel da muller na sociedade rural. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Mocidade, esta veciña de Lañas de 22 anos convida a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade, non só entre a poboación máis nova senón entre a de maior idade.

“Hoxe estase producindo un gran cambio nas mentalidades. As novas xeracións non pensamos igual que as anteriores, loitamos e buscamos a igualdade, pero está claro que aínda hai unha porcentaxe de persoas que segue crendo que homes e mulleres non somos iguais”, reflexiona Noelia Castro. A sociedade, afirma, aínda non é consciente da existencia de comportamentos desiguais e micromachismos, “presentes nas xeracións novas e nas vellas, entre homes e mulleres”.

Neste sentido, afirma, actividades coma os campamentos son ideais para educar na igualdade desde a primeira infancia: “Aquí xúntanse nenos e nenas de distintos fogares, con distintos costumes e diferente educación. O noso traballo é aproveitar esta diversidade para, a través de dinámicas de grupo, mostrarlles que hai varios puntos de vista e para poñer exemplos de cousas que realmente acontecen, que vexan que toda a sociedade está influenciada, ao final, por esa realidade sexista”.

Unha mostra é, segundo destaca Castro, a propia composición do cadro de persoal de actividades relacionadas co coidado de crianzas, de maiores ou de fogares: “En xeral sempre adoita haber máis monitoras que monitores, máis coidadoras que coidadores. Seguimos herdando a idea de relacionar coidados coas mulleres, cando isto son labores nos que deben participar todas as persoas e se debe fomentar non só dende as institucións, senón dentro da familia”.

noelia2

A xuízo de Noelia Castro, “o concello da Baña avanza favorablemente na busca da igualdade, igual que avanza a sociedade en xeral. Iso si, penso que aínda nos queda un longo percorrido ata chegar á igualdade de xénero real. As institucións deben ofertar máis servizos de conciliación. Temos que ofrecerlles ás mulleres a posibilidade de accederen a un posto de traballo en condicións de igualdade. E, sobre todo, temos que seguir educando desde a primeira infancia en igualdade, é fundamental”.

A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural

O proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’ consta de doce vídeos que o Concello está a publicar na súa canle de YouTube en 2021, a razón e un audiovisual por mes, nos que se lles dá voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. Ten por obxectivos principais visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna aínda maioritariamente machista e axudar a reflexionar sobre a situación actual en canto a xénero, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e se fomenta o uso do galego.

  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.