• Coincidindo co Día do Neno, a presidenta da ANPA do CPI San Vicente é a protagonista do vídeo de novembro de ‘A Baña en feminino’

  • Reivindica o papel do colexio en prol da equidade e recomenda que nais e pais eviten os prexuízos e a linguaxe sexista

  • Coida que a conciliación é clave de cara a avanzar na plena incorporación da muller ao mundo laboral

 

“Temos que fomentar nos colexios todas aquelas actividades en prol da equidade e educar aos nosos fillos para que eles loiten por conseguir a máxima igualdade de oportunidades posible, de xeito que poidan ser o que queren ser”. É o apuntamento que fai hoxe, Día do Neno, Mónica Rial, veciña da Baña, presidenta da ANPA do CEIP San Vicente e protagonista dunha nova entrega da serie de audiovisuais A Baña en feminino, coa que o Concello convida a reflexionar sobre a igualdade e visibilizar a muller no ámbito rural.

Ademais de á educación, Mónica Rial sinala tamén á conciliación familiar como unha das condicións para que poida avanzarse cara á igualdade real. Na Baña, di, “estamos nun punto de cambios. Poderían ser maiores e máis rápidos, si, pero o noso é un concello rural, pequeno, envellecido e cambiar a mentalidade custa”. Aínda así, en comparación con xeracións anteriores, si ve avances moi claros. “Miña avoa contaba que moitas nenas non podían ir á escola porque tiñan que quedar na casa a axudar coas tarefas. Agora nenas e nenos teñen a mesma atención escolar, as mulleres son empresarias e levan elas soas as explotacións gandeiras”, explica.

Todas as actividades promovidas pola ANPA no colexio de San Vicente desenvólvense baixo o prisma da igualdade. De cara aos pais, Mónica Rial recomenda “reeducarnos a nós mesmos, para evitar as ideas preconcibidas ou deixar de utilizar palabras sexistas”. Advirte que, sen decatarnos, influímos negativamente nas nosas fillas e fillos opinando “sobre o que queremos, de quen queremos e como queremos, sendo moitas veces ofensivos” e que eles reproducen os nosos comportamentos.

20211120 Bana feminino Monica Rial web

A Baña en feminino

O vídeo de Mónica Rial, que pode verse na canle municipal de Youtube, é o undécimo e penúltimo vídeo do proxecto ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’. Trátase dunha iniciativa do Concello bañés que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do presente ano 2021,  ten como fin reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. As anteriores protagonistas foron:

  • Manuela Tojo. Veciña de Faílde de 89 anos, protagonizou o vídeo de outubro no Día da Muller Rural.  Nel repasou unha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.
  • Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografiou o pael da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de receitar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.
  • Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.