-
Son das Ideas fíxose co galardón de Canle grazas aos seus recursos e a súa creatividade
-
Tamén foron recoñecidos Neeumatiko, Pablo Rodríguez Vila, Toxío, AstroXabi, Cousas RarismASMR, Cousxs, Xacobo de Toro, Recuncho Gamer e Orgullo Galego
-
O servizo de normalización lingüística do Concello da Baña é un dos organizadores
Olaxonmario, que se impuxo nas categorías de Youtubeiro e Vídeo, converteuse no gran triunfador da última edicion dos Premios Youtubeiras, mentres que o outro gran galardón, o de Canle, recaeu no Son das Ideas. As persoas gañadoras deéronse a coñecer nunha gala que tivo lugar o pasado 26 de novembro na Casa de Cultura de Bertamiráns e que estivo conducida polo grupo Tanxugueiras.
O xurado, composto por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez en calidade de secretaria, destacou a capacidade de Olaxsonmario para “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”. Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, sinalou que se trata dun “dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”. En canto a O Son das Ideas, o xurado incidiu en que “o seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”. Esta tres categorías -Youtubeiro, Vídeo e Canle- son as de maior dotación económica con mil euros cada unha.
Polo que atinxe ao resto das categorías, o premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de 2.000 reproducións por vídeo.
O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, xa que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. A canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que a gañadora do galardón musical foi para Cousxs.
“Un referente indiscutible na divulgación didáctica de contidos”. Así definiu o xurado a Xacobo de Toro, quen se alzou co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Cada un destes nove premiados levaron 500 euros.
Os Premios Youtubeiras, que chegaron á súa quinta edición, están organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Carme Pereiro, normalizadora da Baña e coordinadora dos galardóns, destacou en nome da organización que este ano se procurou a consolidación das canles. “Non se permitiu que se presentasen vídeos illados coa intención de fomentar a creación e o mantemento de canles en galego, queriamos así valorar aínda máis a figura youtubeira que xurdiu arredor desta iniciativa”, subliñou. Destacou ademais a “calidade dos vídeos” e para concluír, animou “a continuar proxectando o galego como lingua viva e con capacidades magnéticas”, facendo así referencia ao lema que acompañou a esta quinta edición dos Premios Youtubeiras: Magnetismo en liña.
Entre os representantes institucionais que participaron na entrega de premios atopábase a concelleira de Política Social, Emprego, Educación e Cultura da Baña, Mónica González.
Relación completa de premiados e finalistas
1. PREMIO CANLE
Canle gañadora: O Son das Ideas
https://www.youtube.com/c/OSondasIdeas
Finalistas: Olaxonmario e Neeumátiko.
2 PREMIO YOUTUBEIRA
O gañador: Olaxonmario.
https://www.youtube.com/c/olaxonmario
Finalistas: Neeumátiko, e Cousxs.
3 PREMIO VÍDEO
Vídeo gañador: Por que é que non entendo o portugués? Co @Portuguese With Leo (vídeo de Olaxonmario).
https://www.youtube.com/watch?v=eTgMtKL6xjU
Vídeos finalistas: A nova bomba das Tanxugueiras (vídeo de Cousxs) e Educación franquista (vídeo de Pradorua)
4 PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA
Canle gañadora: Neeumátiko
https://www.youtube.com/c/neeumatiko
Canles finalistas: Cousxs e Esbardalhando.
5 PREMIO IMPACTO
Canle gañadora: Pablo Rodríguez Vila
https://www.youtube.com/c/PabloRodr%C3%ADguezvila
Canles finalistas: Olaxonmario e Neeumátiko.
6 PREMIO CALIDADE TÉCNICA
Canle gañadora: Toxío
https://www.youtube.com/c/TOX%C3%8DO
Canles finalistas: O Son das Ideas e Xacobo de Toro.
7 PREMIO COMUNICACIÓN
Canle gañadora: AstroXabi.
https://www.youtube.com/channel/UCUXcwKz8lfP9HCmLLS0Jp9A
Canles finalistas: Pablo Rodríguez Vila e Un rapá TRANSquilo.
8 PREMIO CREATIVIDADE
Canle gañadora: Cousas RarísimASMR.
https://www.youtube.com/channel/UC59LurczeXkyHRdBkkAePTg
Canles finalistas: O Son das Ideas e Olaxonmario.
9 PREMIO MUSICAL
Canle gañadora: Cousxs
https://www.youtube.com/watch?v=vUjuYUMCXks
Canles finalistas: FØ Records.
10 PREMIO DIDÁCTICO
Canle gañadora: Xacobo de Toro.
https://www.youtube.com/c/XacobodeToroCacharr%C3%B3n
Canles finalistas: O Son das Ideas e Neeumátiko.
11 PREMIO PIONEIRO
Canle gañadora: Recuncho Gamer
https://www.youtube.com/channel/UCqbohZKRrOTtvsR2H1Qjwig
Canles finalistas: Pingando e Astroxabi.
12 PREMIO DO PÚBLICO
Vídeo gañador: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego. https://www.youtube.com/watch?v=cn5u-Hqbbac
Vídeos finalistas: Amemos o noso (da canle Xabi Gómez e Sara Sánchez) e “El cuarteto de IBAI” - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro (da canle Fica coa Bola).