- Depositou un ramo de flores diante do seu busto en San Vicenzo //
- Fillo Predilecto do municipio, foi o primeiro maxistrado do TSXG que utilizou o galego nun procedemento xudicial //
A colocación dun ramo de flores diante do seu busto centrou a homenaxe coa que o Concello da Baña lembrou esta mañá a Daniel García Ramos no día no que se cumpre o 25 aniversario do seu pasamento. Recoñece deste xeito a destacada traxectoria a prol do galeguismo e do rural de quen é o seu Fillo Predilecto e se erixiu como o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que utilizou o galego nun procedemento xudicial. No acto, celebrado na praza do Concello de San Vicenzo, participaron sobriños do homenaxeado que aínda residen no municipio; o alcalde, Andrés García Cardeso; o tenente alcalde, César Ramos; e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo.
Nado na Baña en 1933, Daniel García Ramos foi fillo de mestres de escola e neto dun médico rural que lle inculcou o amor ao pobo e a entrega desinteresada. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que aos nove anos marchou estudar a Santiago e, logo xa de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Curiosamente foi na capital de España onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O compromiso de Daniel García Ramos con Galicia e coa lingua lévao ao longo dos anos a ser un dos primeiros membros fundadores de Xuíces para a democracia, asociación dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza. Integrouse tamén despois en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a utilizar a lingua galega. Así mesmo, destacouse como un firme defensor da pluralidade e da democracia e foi un férreo impulsor da reivindicación dos montes comunais.
Morto no ano 1998 de forma prematura, A Baña nomeou a Daniel García Ramos Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte e, entre outros moitos recoñecementos, foi declarado como Galego egrexio pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O Concello bañense instaurou o ano pasado o Premio Daniel García Ramos para recoñecer, coincidindo co Día das Letras Galegas, o traballo de persoas vencelladas ao municipio en favor da nosa lingua e da nosa cultura.
Dende o Concello da Baña, anímase á veciñanza e a todos os galegos a achegarse ao apartado dedicado a Daniel García Ramos na páxina web do Consello da Cultura Galega. Nela atopamos material moi diverso (artigos, fotografías, vídeos) para profundar na súa vida e na súa obra.