• O servizo vai dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade

  • Ofértanse once instrumentos, canto, música e movemento e a materia de solfexo como complementaria a todas as demais

O Concello da Baña abre mañá venres 11 de agosto o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen formarse na Escola Municipal de Música no vindeiro curso 2023-2024. O servizo vai dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade, se ben hai prioridade para as persoas empadroadas na Baña. As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual.

A Escola Municipal de Música da Baña oferta un total de 14 especialidades para o vindeiro curso: percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, guitarra, acordeón, canto e música e movemento, esta última para os máis pequenos. A estas materias hai que sumarlle solfexo, especialidade que está incluída e que é complementaria a calquera das anteriores.

Nas bases reguladoras do servizo, publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia, establécese un número mínimo de cinco alumnos inscritos en cada especialidade para que esta poida ser impartida (agás en piano, acordeón e solfexo, que se darán con independencia do número de alumnos apuntados).

O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación das bases e convocatoria no BOP; isto é, do venres día 11 ao venres 25 de agosto. No caso de quedar prazas vacantes, poderase solicitar a alta con posterioridade a estas datas nas especialidades abertas.

Para inscribirse é preciso presentar a seguinte documentación:

  • Ficha de inscrición
  • Impreso cuberto da orde de domiciliación de recibos
  • Autorización de captación de imaxe e son
  • Autorización para usar o número de teléfono
  • Copia do documento de identidade da persoa usuaria
  • Copia do documento de identidade da persoa titular da conta
  • De ser o caso, informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e darase un prazo de 10 días para presentar alegacións. Os horarios das distintas especialidades seranlles comunicados polos mestres das mesmas ás persoas usuarias e ás familias unha vez realizadas as inscricións e publicada a lista definitiva de admitidos.

Os formularios de inscrición poden descargarse nos documentos adxuntos, así como as bases reguladoras da Escola Municipal de Música da Baña publicadas no BOP.