-
O concurso xuntou o sábado máis de 500 participantes de distintas localidades e numeroso público //
-
Repartiuse un total de 3.350 euros en premios en catro categorías //
As marchosas costureiras de ‘Hai que hilvanar para coser e cantar’, chegadas dende Vilagarcía, na categoría de carrozas; e ‘El Chiringuito’, comparsa de Negreira liderada como non podía ser doutro xeito polo mesmiño Georgie Dann, foron as grandes triunfadoras do concurso de Entroido da Baña celebrado este sábado. Varios cantantes, moita festa e o recordo de tempos pasados protagonizaron un desfile que congregou máis de 500 participantes nun día solleiro que animou ao público a saír a rúa.
Non o tivo nada fácil o xurado nas principais modalidades do concurso, que repartía máis de 3.300 euros en premios e nas que desfilaron trece comparsas e nove carrozas con participantes chegados non só de concellos limítrofes, cunha destacada presenza do de Negreira, senón tamén de Brión, Trazo ou Ames e mesmo de fóra da provincia.
Repetindo a súa interpretación durante o concurso, ‘El Chiringuito’ celebrou o seu primeiro premio en comparsas, dotado con 900 euros, bailando e cantando con Georgie Dann. Tamén foron moi celebradas as distintas actuacións de ‘Que viva México’, que levou os 400 euros do segundo premio con todo un repertorio de Thalía, Luis Miguel e mariachis. O terceiro, de 150 euros, marchou para Tomiño grazas a espectacularidade das fontes de distintas clases que compoñían ‘Estrelas da noite’.
Xa en carrozas, a máquina de coser xigante e as provistas costureiras de ‘Hai que hilvanar para coser e cantar’ conseguiron levar para Vilagarcía o primeiro premio, de 900 euros. O xurado outorgoulle o segundo e 400 euros á proposta da asociación A Cabarballeira de Trazo; unha volta ás ‘Festas do Apóstolo nos anos 60’ coa súa noria, os cabaliños, a tómbola e mesmo as Marías. Por último, outro clásico como son os pitufos, que visitaron A Baña cunha ‘Pitufilandia’ xestada en Negreira, fixéronse cos 150 euros do terceiro premio.
En canto á modalidade de grupo, o primeiro premio foi para as divertidas plantas ‘Carnívoras carnavalescas’, agasalladas con 150 euros. Segundo clasificouse ‘O rabaño do camiño’, coas seus pequenos granxeiros facéndolle fronte ao lobo para afastalo das ovellas. Gañou 100 euros.
Un espectacular traxe feito con latas de Coca-Cola deulle o os 100 euros do primeiro premio da categoría de individual ao ‘Regreso dos dinosauros’. ‘O quiosqueiro molón’ , con revistas, licor café ou chourizos, fíxose cos 60 euros do segundo premio e, por último, a divertida fregona de ‘Limpezas Perico’ gañou os 40 euros do terceiro.
Repartiron os premios no pavillón de San Vicenzo o alcalde da Baña, José Antonio Pereira; a tenente de alcalde, Mónica González; e a concelleira Patricia Lois. O Concello agradece a colaboración dos farmacéuticos bañenses Joshua Almozara, Iria Álvarez e Pilar Gómez, que actuaron como xurado.