• O pavillón de San Vicenzo da Baña abrirá as súas portas este domingo, 17 de marzo, ás 9.30 horas //

  • Os asistentes poderán degustar as filloas ao prezo dun euro cun límite de cinco por persoa //

  • A zoqueira Elena Ferro encargarase do pregón a partir das 13.30 horas //

  • Agrupacións da Escola de Música Tradicional e charangas animarán a xornada //

  • Haberá espazo infantil e toda a familia poderá gozar do espectáculo de Cé Orquestra Pantasma //

A Festa da Filloa da Pedra chegará este domingo 17 de marzo a súa vinte edición, a primeira na que o Concello da Baña se fai coas rendas da organización e poñerá en funcionamento no pavillón de San Vicenzo un total de vinte pedras de propiedade municipal. A festa, con vocación dinámica e participativa, contará cun mercado de artesanía, obradoiros de oficios tradicionais, diversas actuacións musicais e espazo infantil, mentres que o pregón correrá a cargo da zoqueira Elena Ferro.

O Festa da Filloa da Pedra 2024 abrirá as súas portas ás 9.30 horas co mercado de artesanía. Máis de trinta expositores ofrecerán todo tipo de produtos nunha carpa situada a carón do polideportivo. Tamén a esa hora comezarán a funcionar as pedras para atender as demandas do público durante todo o día, nesta ocasión ao prezo dun euro cada filloa e cun límite de cinco unidades por persoa. O manxar bañense poderá acompañarse, ademais, de racións de chourizo e orellas.

A festa completa a degustación con actividades de diversa índole, programadas para entreter aos asistentes de todas as idades durante toda a xornada. Así, e tanto pola mañá como pola tarde, o público poderá desfrutar de demostracións en vivo de oficios tradicionais a cargo de artesáns que traballarán a forxa e o torno de ballesta, ademais de tallar madeira ou facer sanscosmeiros.

Entre as actuacións musicais, destacan as propostas da Escola de Música Tradicional da Baña e de agrupacións da contorna. Gaiteiros e pandeireteiras comezarán a encher a festa de sons tradicionais ás 11.30 horas e amenizarán tamén a tarde, a partir das 16.00 horas, xunto á agrupación coral CantoenCanto. Estarán apoiados na dinamización da festa por charangas ben coñecidas polos seus animados espectáculos de rúa como os dos Celtas, que conta con integrantes da Baña; dos Tabernícolas de Leiradal e da nicrariense Mekanica Rolling Band.

Unha novidade con respecto a edicións anteriores será a actuación ao mediodía do grupo Río de Anxo polas rúas de San Vicenzo, levando a Festa da Filloa máis alá da contorna do pavillón coa idea de animar á veciñanza e á clientela dos locais de hostalería da capital da Baña.

Chegará despois o pregón da man de Elena Ferro, artesá pertencente á terceira xeración dunha familia de zoqueiros amplamente recoñecida por ser quen de poñer de moda con novos deseños un calzado tradicional que estaba practicamente en desuso.

O público miúdo terá tamén un espazo infantil de seu na Festa da Filloa da Pedra. Toda a familia está convidada así mesmo pola tarde ao espectáculo do home orquestra Cé Orquestra Pantasma e poderá gozar tamén con xogos populares.

Tres áreas de estacionamento

Todas aquelas persoas que queiran pasar o día na festa ou aproveitar para xantar, terán á súa disposición unha polbeira e, para facilitar o acceso, habilitaranse tres áreas de estacionamento. Unha, detrás da escola de música Emilio Andújar; outra, fronte á nave municipal; e unha terceira, ao lado do río.