• A xornada de convivencia e tradición estivo animada polos grupos de gaitas e de canto da Escola de Música Tradicional //

  • Participaron na cita o alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González //

Diseño sin título 28

 

Veciñas e veciños de todas as idades reuníronse este sábado, 18 de outubro, na Escola de Música Emilio Andújar para celebrar o Magosto da Baña 2025.

O Mago Teto foi o gran protagonista da primeira parte da xornada. Nun auditorio ateigado, conquistou o público co seu espectáculo O Afiador, no que combinou humor e trucos de ilusionismo, ademais de promover a participación das persoas asistentes.

Despois da función, chegou o momento máis esperado da tarde: a degustación de castañas asadas, que estivo acompañada dunha animada foliada a cargo dos grupos de gaitas e de canto da Escola de Música Tradicional da Baña.

Na cita participaron o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González, que compartiron coa veciñanza unha tarde de lecer e convivencia.

Diseño sin título 29

O Magosto 2025 estivo organizado pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, coa colaboración da Asociación Alborada. O Concello da Baña continúa así coa súa aposta por actividades que manteñen vivas as tradicións galegas e fortalecen o espírito comunitario.

A seguinte gran cita do outono chegará o sábado 1 de novembro, cando A Baña celebre o Samaín, cunha xincana familiar pola contorna de San Vicenzo.