-
A área recreativa de Agra de Chans acollerá dende o mediodía unha xornada de actuacións e convivencia en torno á cultura popular
-
A cita contará coa participación de agrupacións locais e convidadas, ademais dunha proposta de narración oral con María da Pontraga
A área recreativa de Agra de Chans converterase o venres 1 de maio no escenario dunha nova edición da PequeRachada da Baña, unha cita arredor da música tradicional que pon o foco nas novas xeracións. A actividade dará comezo ás 13.00 horas e desenvolverase ao longo do día como un espazo aberto de participación, no que a cultura popular marcará o ritmo.
O encontro de escolas de música tradicional volverá ser o eixo do programa, reunindo agrupacións procedentes de distintos puntos e tamén formacións da propia Baña. No ámbito local participarán as Gaiteiras da Baña, as Pandeireteiras da Baña e Os Trallas da Baña. Xunto a elas estarán a agrupación Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo); OCT Ultreia Pandeireteiras, de Compostela; e a Asociación Cultural Brisas do Quenllo, de Tordoia, que se suman a esta xornada de intercambio arredor da música tradicional.
O programa inclúe tamén a proposta de narración oral Un saco de contos, de María da Pontraga, unha actividade dirixida a público infantil e familiar que combina historias e cancións de tradición oral. A través de pequenos relatos que beben da herdanza cultural, a sesión convida a descubrir personaxes do imaxinario popular e incorpora momentos de participación pensados para as crianzas.
A PequeRachada nace como un encontro no que a música tradicional se vive desde a base, promovendo o papel das novas xeracións como protagonistas e garantindo a continuidade do patrimonio cultural inmaterial. O formato aberto da xornada facilita a presenza das familias, que poden compartir o día ao aire libre nun ambiente no que a música e o lecer conviven de maneira natural.
A iniciativa está organizada pola Escola de Música Tradicional da Baña e polo Concello da Baña, coa colaboración da ACM Os Campantes da Baña, e consolídase como unha cita de referencia no calendario cultural local.