A Biblioteca Escolar do CPI San Vicente, en colaboración co Concello da Baña, organiza unha saída fotográfica o sábado 24 de febreiro para aprender nocións básicas de técnicas da imaxe. O evento forma parte dun concurso fotográfico organizado polo centro escolar para conmemorar o Día da Auga. A participación está aberta a todas aquelas persoas, maiores e pequenos, interesadas en pasar unha mañá de sábado de natureza e fotografía.
As persoas participantes daranse cita na Casa da Cultura ás dez da mañá para, desde alí, dirixirse camiñando ata o río Albariña. O tema central do concurso de fotografía Auga é o líquido elemento, polo que este debe ser o protagonista das imaxes: ríos, saltos, regatos, muíños, pontes, fontes, pozas, lavadoiros...
O prazo de presentación de fotografías para este concurso remata o venres 16 de marzo. Haberá tres categorías, cada unha con tres premios: Educación Primaria, ESO e adultos. As imaxes que participen no certame serán expostas nos corredores do CPI San Vicente e aquelas que sexan seleccionadas ilustrarán o libro Auga, que recollerá tamén unha escolma de literatura oral da contorna relacionada coa auga.
Máis información: Facebook da Biblioteca Escolar CPI San Vicente.