As mulleres da Baña sumáronse á homenaxe a Antonio Fraguas preparando coplas e regueifando onte á tarde, acompañadas polos máis novos do municipio que, antes, estiveron elaborando un mural coas paisaxes do escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra) ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Despois de participar pola mañá na andaina literaria que se organizou dende o CPI San Vicente, nenos e nenas da Baña que asisten ás clases de pintura de Silvia Capelo estiveron elaborando un mural no que, cadaquén ao seu xeito e de forma coordinada, elaboraron as “Paisaxes de Antón Fraguas”, que logo colgarían no centro social e da terceira idade.

E mentres os máis novos pintaban, un grupo de mulleres que forman parte do Club de Regheifas de Barcala dedicáronse a crear unhas coplas para regueifar acompañadas polos nenos e nenas, e tamén algúns dos maiores que acoden habitualmente ao centro social e da terceira idade. E todo isto mentres tomaban un ‘Café con letras’ e a cativada merendaba para celebrar dun xeito ameno e divertido, recuperando as tradicións da comarca, o Día das Letras Galegas.

A regueifa que elaboraron, e que podedes escoitar no vídeo publicado no Facebook do Concello (https://www.facebook.com/ConcellodaBana/videos/430437891100224/) inclúe as seguintes coplas:

 

20190516 Cafe con Letras 1Neste ano dezanove

a Academia Galega

nomeou a Antón Fraguas

autor das Letras Galegas.

 

As mulleres de Barcala

non paran de regueifar

porque a esta homenaxe

tamén se queren sumar.

 

O día das nosas Letras

témolo que celebrar

por eso estas mulleres

queremos xa regueifar.

 

O Antón foiche un home

de moita sabedoría

que naceu en Cotobade

terra de moita alegría.

 

Pois de moita alegría

tamén che estamos na Baña

celebrando a nosa lingua

a máis bonita de España.

 

Aquí hai unha veciña

que naciu lonxe da terra

pois éche de Salamanca

e fala a lingua galega.

 

Ídevos chegando todos

a celebrar esta festa

despois do café con letras

botaremos a regueifa.

 

E se non houbese Letras

armaríamos a festa

pois pra celebrar a lingua

xa nos valemos nós mesmas.

 

E pra dar a despedida

querémosvos recordar

que este ano a Antón Fraguas

imos homenaxear.