-
Celebrarase o domingo 8 de febreiro e está dirixido ao público infantil e familiar
-
A actividade é gratuíta pero por motivos organizativos precísase inscrición previa

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, organiza o obradoiro de máscaras En-mascara-ARTE, que se celebrará o domingo 8 de febreiro como parte da programación da XXII Festa da Filloa da Pedra da Baña.
A actividade desenvolverase en dúas sesións diferenciadas, unha dirixida á rapazada de 4 a 8 anos e outra para participantes a partir dos 8 anos, cunha duración aproximada de dúas horas. O obradoiro é gratuíto, inclúe todo o material necesario para a elaboración das máscaras, pero por motivos organizativos solicítase inscrición previa.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao 981 88 65 01 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Durante o obradoiro, as persoas participantes crearán as súas propias máscaras inspiradas na natureza, no bosque e nos animais propios de Galicia, elementos moi presentes na contorna do concello da Baña, favorecendo a expresión artística e a participación colectiva nun ambiente lúdico e educativo.
Esta actividade forma parte do conxunto de propostas culturais organizadas polo Concello arredor da Festa da Filloa da Pedra, co obxectivo de complementar a celebración gastronómica cunha programación cultural dirixida á veciñanza de todas as idades.
Unha tradición ligada ao Entroido e á natureza
O obradoiro En-mascara-ARTE nace coa vontade de recuperar e reinterpretar unha tradición ancestral vinculada ao inicio do Entroido, presente historicamente en todos os pobos de Galicia. Aínda que A Baña non pertence a unha comarca especialmente vencellada ao Entroido das máscaras nin conta con testemuñas gráficas propias desta práctica, a tradición permanece viva na memoria colectiva do concello.
O seu enfoque simbólico remite á figura do home verde, personaxe asociado ao bosque e á natureza, símbolo da chegada da primavera e presente en numerosos edificios galegos medievais, renacentistas e modernistas. Esta figura segue manifestándose no paso das estacións e nas fragas, soutos e bosques de Galicia, tamén na contorna da Baña.
Os entroidos tradicionais galegos manteñen unha estreita relación coa natureza, cunha forte presenza de representacións zoomórficas e rituais vencellados ao ciclo vital, elementos que conectan directamente coas tradicións gastronómicas destas datas, como a Festa da Filloa da Pedra.
A través desta proposta, o Concello da Baña aposta por poñer en valor o patrimonio inmaterial galego, fomentando a creatividade, a transmisión cultural e a participación da veciñanza no marco dunha das festas máis representativas do municipio.