-
A programación anual inclúe eventos destacados como a II Ruta Ciclista da Filloa, a Carreira Popular ou o X Trail da Baña
-
O obxectivo é promover hábitos de vida saudables e a participación veciñal

O Concello da Baña, a través da Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, vén de presentar o seu Programa de Actividades Deportivas 2026. Trátase dunha planificación integral que combina propostas competitivas, formativas e de lecer co obxectivo de converter o deporte nun motor de saúde e convivencia veciñal.
O calendario arrincará este domingo 8 de febreiro coa II Ruta Ciclista da Filloa, unha xornada popular que combina deporte e tradición no marco da XXII Festa da Filloa da Pedra.
En marzo celebrarase o Torneo de Minibásquet, orientado á promoción do deporte base e dos valores do traballo en equipo. Xa no mes de abril terán lugar o I Torneo de Tenis de Mesa e un Campamento Deportivo, dúas iniciativas centradas no deporte individual e no lecer activo da infancia e da mocidade.
En maio será a quenda da segunda edición da Carreira Popular da Baña, unha cita que volverá reunir participantes de diferentes idades nunha proba aberta e que busca consolidarse no calendario deportivo local.
O mes de xuño marcará a clausura das Escolas Deportivas Municipais e a celebración do V Torneo de Xadrez, reforzando a aposta polo deporte formativo.
O período estival continuará en xullo coa organización dunha saída ao parque acuático e un curso de natación, mentres que en agosto terá lugar a Festa da Auga, unha actividade lúdico-deportiva dirixida ao conxunto da veciñanza.
Tras o verán, en setembro, celebrarase o X Trail da Baña, coincidindo co inicio dunha nova tempada das Escolas Deportivas. O calendario continuará en outubro co V Torneo de Pádel, unha competición que gaña inscritos ano a ano, e en novembro cunha Xornada de Hábitos Saudables e Primeiros Auxilios, de carácter formativo e preventivo.
O programa pecharase en decembro cunha saída á pista de xeo, pensada como actividade de lecer deportivo para a veciñanza de todas as idades durante o período festivo de Nadal.
Ademais destas accións concretas, o Concello da Baña manterá ao longo de todo o ano o Circuito de Andainas ‘Descubre A Baña’, así como a asistencia a eventos deportivos de interese, reforzando o compromiso municipal coa promoción da actividade física e do benestar social.
O Concello da Baña deseñou esta programación como unha aposta firme polo deporte como ferramenta de saúde, integración e cohesión social, garantindo unha oferta accesible e variada para o conxunto da cidadanía.
As persoas interesadas en obter máis información poden chamar aos teléfonos 981 886 501 ou 669 368 413.