20260213 reunion SEA

A colaboración entre o Concello da Baña e Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) deu un paso decisivo cara á construción do futuro parque empresarial de Eiroa, un proxecto que ocupará preto de 200.000 metros cadrados e que suporá un impulso económico e empresarial para o municipio.

A última reunión de traballo celebrouse nas oficinas de SEA en Santiago de Compostela na que participaron o alcalde, José Antonio Pereira Gil, e o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, xunto coa directora de SEA, Beatriz Sestayo, e os técnicos José Rey e Antonio Quintela. O encontro tivo como obxectivo afianzar os avances do proxecto e concretar os aspectos clave relacionados coa urbanización do polígono..

Durante a reunión, o Concello presentou un estudo detallado con memoria e orzamentos, solicitado tras un encontro previo, que servirá como base para axustar a inversión e facilitar a planificación do parque. A proposta municipal inclúe a definición de instalacións básicas, zonas verdes e outros elementos urbanísticos esenciais.

Ademais, acordouse iniciar un proceso de contacto coas empresas locais e con posibles interesados, co fin de determinar a demanda real e avaliar as achegas que deberán asumir as compañías que se integren no futuro polígono.

O alcalde José Antonio Pereira Gil destacou que “estes encontros permiten ao Concello da Baña liderar o proxecto e garantir que cada decisión estea adaptada ás necesidades do noso municipio”. Subliñou tamén que a colaboración con SEA é “fundamental para levar a cabo un dos proxectos máis importantes para A Baña” e asegurou que “os estudos de custos achegan cada vez máis á execución do parque empresarial”.

A directora de SEA, Beatriz Sestayo, sinalou que “avanzamos nun estudo rigoroso de necesidades e investimento, abrindo agora un paso imprescindible: escoitar aos empresarios de A Baña sobre cuestións máis concretas” e destacou a implicación do Concello no impulso do proxecto.

O Concello da Baña seguirá coordinándose con SEA para definir os próximos pasos e consolidar o parque empresarial de Eiroa como un espazo estratéxico para o desenvolvemento económico local.