O Concello da Baña participa no programa Campus Rural de prácticas universitarias no medio rural, unha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Universidades e as universidades públicas españolas.

Este programa permite que os universitarios poidan levar a cabo prácticas académicas, curriculares e extracurriculares en entornos rurais. Deste xeito, contribúese ao reequilibrio territorial atraendo talento novo nos espazos máis despoboados para dinamizar o seu tecido produtivo, social e institucional.

O Concello da Baña asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a realización destas prácticas. As titulacións ás que se dirixe a oferta son catro: Dirección e Xestión Pública, Administración e Dirección de Empresas, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos. No que atinxe ás tarefas a realizar, estas son o apoio na xestión de subvencións, relacións coa Deputación e Consellería de Emprego, apoio ao secretario interventor e tarefas administrativas propias das áreas municipais.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 2024 ás 23:59 horas.

Para ampliar información, consulta esta ligazón da sede electrónica da Universidade de Vigo.

Na ficha de adhesión, adxunta a esta nova, figuran os graos solicitados polo Concello da Baña e outra información de utilidade.