20181021 ALI7373

• A exposición de fotos antigas da Asociación de Veciños O Outeiro espertou a curiosidade de todos os asistentes
• Uns quince produtores presentaron as súas receitas para competir na cata de conservas
• O barbeiro tivo traballo dende primeira hora


20181021 ALI7392Centos de persoas acudiron á carballeira de Ceilán para participar no feirón de Re-Volta e rememorar as grandes feiras que se organizaban nesta parroquia da Baña, que nos anos cincuenta do pasado século era das máis grandes da comarca. O ambiente e os atavíos cos que se vestiron moitos dos asistentes axudaron a cumprir co obxectivo do Concello da Baña cando puxo en marcha esta iniciativa: recordar as feiras e festas que se organizan no municipio hai máis de medio século.

A implicación dos veciños foi tamén unha das notas este ano, como recordaba o secretario da Asociación de Veciños O Outeiro de San Mamede do Monte, a parroquia duns 400 habitantes á que pertence a carballeira de Ceilán. A iniciativa para, aproveitando o Feirón de Re-Volta, organizar unha exposición de fotos antigas foi un éxito. “Participaron moitos veciños, e temos algunha foto de hai uns cen anos, como a imaxe na que se ve a tres mulleres facendo filloas arredor da lareira”, comentaba Fernando Forján.

Unhas imaxes que espertaron a curiosidade de todos os asistentes, que miraban as fotografías con agarimo, recordando ás persoas que aparecían retratadas. A Asociación de Veciños O Outeiro tamén foi a encargada de montar a cantina na que os asistentes á Re-Volta podían tomar viño ou probar uns callos recentemente feitos.

E mentres uns miraban as fotografías e outros tomaban uns viños, o barbeiro da Re-Volta vía medrar a cola de xente agardando para retocar o pelo. Sentado nunha cadeira que anda polos cen anos, o primeiro cliente solicitou o arranxo da súa barba dourada. Ao lado, outros degustaban as marmeladas artesanais, ou dispoñíanse a gozar cos xogos tradicionais preto do adro da igrexa.

Pegadas á carballeira había dúas carpas. Nunha delas, Lito Mambís estaba preparando o pulpo e o churrasco co que darlle de comer a tanta xente como esta mañá se achegou a Ceilán. Na outra, preparada pola organización, podíanse ver produtos artesáns de todo tipo: empanadas, bicas, mel, castañas, roupa, xoias, viño ou marmelos e cestos elaborados na Asociación Aspas. As flores e un taller de maquillaxe para os máis novos tamén se deron cita na Re-Volta este ano.

A cata de conservas artesanais xuntou a quince produtores, que presentaron receitas doces e salgadas para participar nun concurso no que o público foi o encargado de decidir cal de todas elas era a máis saborosa e se levaba como premio un ferrado cheo de produtos artesáns dos que se podían mercar na propia feira (un ferrado en cada categoría). Entre as marmeladas doces había castañas en caldo de azucre, marmelo de mazá e figo, marmelada de pementos. Nos pratos salgados presentáronse castañas con allo porro e cebola, agridoce de pementos, cabaza con ruibarbo e xenxibre, paté de porco con marmelada de bieiteiro ou tomates agridoces.

Os membros do grupo folclórico Faiscas da Pontraga foron os encargados de amenizar a mañá. Ao ritmo da súa música houbo que se animou a botar unhas bailas, mentres outros aplaudían con ganas. E entre tanto outros dedicábanse a tomar fotografías, tanto na feira como noutros lugares da Baña, para participar no maratón fotográfico que organizou o Concello e que tiña como premio, tamén, outro ferrado cheo de produtos artesáns da feira.

A diversión continuará durante toda a tarde do domingo.

Álbumes de fotografías no Facebook do Concello:

20181021 ALI7304