20191107 Xuntos NadalA Xunta de Galicia abre ata o 15 de novembro o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, destinado ás persoas maiores de 60 ou máis anos que se atopan soas nestas datas, ben pola carencia de familiares ou amigos, a perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. A principal novidade deste ano é que se habilita como punto de destino o Complexo Residencia Xuvenil Lug II, en Lugo, que se suma así ás Residencias de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense, e de Panxón, en Nigrán.

O número de prazas ofertadas mantense en 260, distribuídas do seguinte xeito: 105 na residencia do Carballiño para persoas procedentes das provincias de Ourense e Pontevedra; outras 105 no centro de Panxón para os maiores que veñan da provincia da Coruña; e 50 nas instalacións xuvenís Lug II para aqueles que sexan da provincia de Lugo. A duración do programa dará cobertura a toda a época do Nadal, ao comezar o día 23 de decembro de 2019 e rematar o día 7 de xaneiro de 2020.

Xuntos polo Nadal inclúe estancia durante 16 días (15 noites) con aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa e actividades de animación sociocultural. Tamén está contemplado tanto o desprazamento en autobús desde diversos puntos de Galicia ata o centro residencial adxudicado como o regreso. A recollida das persoas participantes efectuarase o 23 de decembro polo tarde e a volta será o día 7 de xaneiro despois do almorzo.

Infórmate sobre todos os detalles do programa na páxina web da Xunta de Galicia