• A Praza do Concello acolle a lectura dun manifesto institucional no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 

“O Concello da Baña lémbralle ás vítimas que aquí estamos para axudalas a saír desa situación e comprometémonos a combater esta inxusta e irracional eiva”. Así se recolle no manifesto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ao que a concelleira de Política Social Mónica González deu lectura nun acto público celebrado na Praza do Concello ao que asistiron representantes da Corporación local, técnicos municipais e veciñas e veciños do municipio.

O manifesto do 25 de novembro pon de relevo que o maltrato machista é “a consecuencia máis atroz da pretendida desigualdade entre homes e mulleres e segue presente na nosa sociedade”. Fai referencia ás cifras de vítimas, 6.073 en 2020 en Galicia segundo datos da Fiscalía Superior, e indica ademais o “dato preocupante” do 84% de renuncias a continuar co proceso xudicial.

Dado que os concellos son a administración de proximidade que ten unha relación máis directa coa cidadanía, o Concello da Baña comprométese “de fronte á violencia de xénero” para ir “máis aló de diminuír os rexistros de vítimas”, erradicando “ese maltrato que oprime de diferentes maneiras ás mulleres impedíndolles o seu desenvolvemento” e traballando na “concienciación para a igualdade”.

Por todo isto, o Concello da Baña insta ás demais administracións e axentes sociais a sumarse a esta declaración; remarca a necesidade dunha abordaxe global e profunda sobre todas as formas de maltrato; require os recursos económicos e humanos para implementar proxectos de axuda e empoderamento das mulleres; esixe a mellora das políticas e leis a favor do desenvolvemento das mulleres; e subliña o valor das mulleres no desenvolvemento social, económico, intelectual e humano.

Attachments:
Download this file (Manifesto 25N.pdf)Manifesto 25N[ ]59 kB