20240318 Prazos matricula PAI copiaO Concello da Baña publicou hoxe, 18 de marzo, un anuncio polo que establece os prazos para a matrícula no Punto de Atención á Infancia (PAI) para o curso 2024-2025.

O proceso comezará coa aprobación definitiva da modificación da ordenanza municipal pola que se aproba o Regulamento de Réxime Interno do PAI, seguido pola publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o 30 de abril, onde tamén se incluirá o modelo de solicitude de praza, aplicable tanto para renovacións como para novo acceso.

Os interesados dispoñen do período comprendido entre o 1 e o 15 de maio para presentar as súas solicitudes. Posteriormente, o 21 de maio, será publicada a listaxe provisional de solicitudes admitidas, dando lugar a un período de reclamacións que se estenderá do 22 de maio ao 5 de xuño.

A publicación da listaxe definitiva de solicitudes admitidas e dos formularios de matrícula terá lugar o 7 de xuño. A partir dese día, os responsables terán ata o 21 de xuño para formalizar a matrícula.

As datas indicadas poderán sufrir variacións por razóns do servizo ou co fin de cumprir cos prazos correspondentes, segundo se indica no anuncio publicado, que pode consultarse premendo nesta ligazón.