• A actividade desenvolverase do 26 de agosto ao 4 de setembro nas instalacións do Campamento Xuvenil de Pontemaril

 

20260707 Cartel campamento Forcarei horizontal

 

 

24 de xullo

O Concello da Baña aprobou a listaxe definitiva de persoas admitidas e en lista de agarda para o campamento de verán con pernocta que se desenvolverá nas instalacións do Campamento Xuvenil Pontemaril, en Forcarei.

Finalmente, o número de prazas increméntase de 17 a 20, despois de que a entidade xestora do campamento comunicase a dispoñibilidade de tres prazas adicionais, o que permitiu ampliar a oferta inicial.

Ademais, as persoas que figuraban inicialmente como excluídas e presentaron a documentación requirida foron admitidas ao cumprir os requisitos establecidos nas bases da convocatoria.

A resolución inclúe tamén unha lista de agarda formada por cinco solicitudes.

Comproba a listaxe premendo neste enlace ou no documento adxunto.

 

21 de xullo

Publícase a listaxe provisional istaxe provisional de persoas admitidas, en agarda e excluídas para o Campamento de Verán con pernocta 2026, que se celebrará do 26 de agosto ao 4 de setembro nas instalacións de Pontemaril (Forcarei).

Presentáronse 25 solicitudes para as 17 prazas ofertadas, polo que se aplicaron os criterios de prioridade recollidos nas bases da convocatoria.

Ábrese agora un prazo de dous días hábiles para presentar reclamacións ou emendar a documentación antes da publicación da listaxe definitiva.

Comproba a listaxe premendo neste enlace ou no documento adxunto.

 

7 de xullo

O Concello da Baña abre o prazo de inscrición no Campamento de verán con pernocta 2026, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. A actividade desenvolverase do 26 de agosto ao 4 de setembro nas instalacións do Campamento Xuvenil de Pontemaril, no municipio pontevedrés de Forcarei.

O programa oferta un total de 17 prazas e fai parte do programa de conciliación municipal desenvolvido pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía. O seu obxectivo é ofrecerlle á rapazada unha experiencia de convivencia durante as vacacións estivais, cunha programación de carácter lúdico e educativo, ao tempo que contribúe a facilitar a conciliación das familias.

As actividades previstas terán carácter educativo e cultural e estarán orientadas a favorecer a convivencia, a cooperación e o desenvolvemento persoal e colectivo das persoas participantes.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de xullo. As solicitudes deberán ser asinadas pola nai, pai ou persoa titora legal do menor e poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña, a través da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo. O formulario e a documentación necesaria están dispoñibles na web municipal.

As bases establecen unha orde de prioridade para a adxudicación das prazas. Terán preferencia, en primeiro lugar, os menores pertencentes a unidades familiares empadroadas na súa totalidade na Baña ou, nos supostos previstos, aqueles nos que estean empadroados o menor e o seu pai, nai ou persoa titora legal. A continuación sitúanse os fillos e fillas do persoal que presta servizo no Concello e, finalmente, menores de familias non censadas no municipio.

O prezo público do campamento é de 140 euros para o primeiro fillo ou filla, 105 euros para o segundo e 70 euros para o terceiro. Para as unidades familiares empadroadas na Baña que cumpran os requisitos socioeconómicos establecidos nas bases e non conten con ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM, contémplanse tarifas bonificadas de 40 euros para o primeiro fillo ou filla, 30 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de solicitudes admitidas, as persoas beneficiarias deberán efectuar o pagamento nun prazo de 5 días hábiles. A falta de pagamento suporá a perda da praza.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía no teléfono 981 886 501.