2-9-2026

Publícase a corrección de erro no nomeamento do tribunal da bolsa de persoal de dirección destinado á Escola Infantil Municipal do Concello da Baña. Pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no documento adxunto a esta nova.

 

1-9-2026

O Concello da Baña vén de aprobar a listaxe definitiva de persoas aspirantes, o nomeamento de tribunal e a data de exame, do expediente de convocatoria e proceso de selección por concurso-oposición dunha bolsa de persoal de dirección destinado á Escola Infantil Municipal do Concello da Baña, en réxime de persoal laboral temporal.

A fase de oposición realizarase o vindeiro xoves 10 de setembro de 2026 a partir das 10.00 horas no Pavillón Municipal de deportes San Vicenzo da Baña.

A listaxe definitiva completa pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no documento adxunto a esta nova.

 

14-8-2026

O Concello da Baña vén de aprobar a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de director ou directora da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.

A convocatoria, publicada o pasado 3 de agosto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, ten como obxectivo garantir a adecuada prestación do servizo e facilitar a posta en funcionamento da Escola Infantil Municipal no próximo curso escolar.

As persoas excluídas dispoñen de dez días hábiles para corrixir os defectos que procedan ou formular reclamacións contra a lista provisional.

A lista provisional completa pode consultarse na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no documento adxunto a esta nova.

 

3-8-2026

 

O Concello da Baña publicará nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego de director/a da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.

A convocatoria ten como finalidade garantir a adecuada prestación do servizo e posibilitar a posta en funcionamento da Escola Infantil Municipal no próximo curso escolar.

Co obxectivo de facilitar a preparación da documentación e do temario ás persoas interesadas en participar no proceso selectivo, o Concello adianta as bases e a convocatoria a través da sede electrónica municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo para presentar as solicitudes será de sete días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP da Coruña.

As persoas interesadas poden consultar toda a información na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no arquivo adxunto a esta nova.

  • A programación desenvolverase entre o 11 de setembro e o 21 de novembro

  • As actuacións terán lugar na Casa da Cultura e nos locais sociais de Sanamede de Monte e Fiopáns

  • A proposta reúne destacadas figuras e compañías da narración oral e do humor galego

cartel monologos nuevo

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña pon en marcha un novo ciclo de monólogos que ofrecerá sete espectáculos entre setembro e novembro. A programación achegará ao municipio diferentes propostas de humor, narración oral, música e teatro.

O ciclo comezará o venres 11 de setembro, ás 21.00 horas, no local social de Sanamede de Monte. Vero Rilo presentará Tralalareira, un espectáculo no que a palabra e a música se atopan sobre o escenario. Rilo estará acompañada polo acordeonista Santi Cribeiro.

A segunda cita será o venres 25 de setembro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Lupe Blanco representará Quen inventou o rap?, unha proposta que establece conexións entre a regueifa e outras formas de improvisación oral.

A programación continuará o venres 9 de outubro, tamén ás 20.30 horas na Casa da Cultura, con Sergio Alba e o espectáculo Dous rombos... Pasa para a cama! Unha semana despois, o venres 16 de outubro, ás 20.30 horas, Brais das Hortas achegará ao mesmo escenario Contos de defuntos e outros asuntos.

O ciclo retomarase o venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Patty Diphusa protagonizará Sexo seguro... Seguro? A seguinte función trasladarase ao local social de Fiopáns. Será o sábado 14 de novembro, ás 20.30 horas, con Lalá Teatro e o seu espectáculo As Josefas. Tarabela Creativa pechará a programación o sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, coa representación de O que non estaba escrito.

Este ciclo conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

  • A actuación permitiu acondicionar o acceso exterior ás instalacións, adaptar o desnivel existente e instalar unha nova varanda de protección para eliminar barreiras arquitectónicas

  • A obra contó co cofinanciamento da Unión Europea (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia a través da Agader

2 obras pavillon

O Concello da Baña vén de completar as obras de mellora da accesibilidade no polideportivo municipal de San Vicenzo, unha intervención dirixida a facilitar o acceso de toda a veciñanza ás instalacións deportivas e avanzar na eliminación progresiva de barreiras arquitectónicas no municipio.

1 obras pavillon

O proxecto supuxo un investimento total de 13.281,20 euros e centrouse principalmente no acondicionamento e adecuación do acceso exterior ao recinto. Entre os traballos executados destaca a adaptación do desnivel que presentaba o terreo na entrada e a instalación duns novos elementos de seguridade, concretamente unha varanda de protección que garante un paso máis firme, accesible e seguro para os usuarios e usuarias de todas as idades.

3 obras pavillon

Cunha elevada concorrencia diaria de deportistas, clubs e veciños que fan uso do polideportivo de San Vicenzo, esta actuación responde ao compromiso do equipo de goberno local por contar cunhas infraestruturas públicas inclusivas, cómodas e adaptadas ás necesidades de mobilidade do conxunto da poboación.

Cofinanciamento público e fondos europeos

Esta intervención executouse ao abeiro da liña de axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.

O proxecto conta co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.

4 obras pavillon

 
  • A actuación contou cun investimento municipal de 159.431,34 euros

  • As persoas interesadas en conectar as súas vivendas deberán tramitar a alta coa empresa concesionaria Espina & Delfín

20260904 Nanton abastecementoO Concello da Baña rematou as obras de abastecemento de auga na aldea de Nantón, na parroquia de Monte. Esta actuación permitirá avanzar na dotación dun servizo básico para as vivendas deste núcleo e supuxo un investimento municipal de 159.431,34 euros, IVE incluído.

Unha vez finalizados os traballos, as persoas interesadas en conectar as súas vivendas á rede municipal deberán realizar os trámites correspondentes coa empresa concesionaria do Servizo Municipal de Augas, Espina & Delfín.

A atención presencial préstase todos os xoves, de 11.00 a 13.30 horas, na oficina situada na rúa Tedelle, no edificio da Escola de Música Emilio Andújar, na Baña. Para solicitar información ou resolver dúbidas, pódese contactar coa oficina da Baña no teléfono 981 88 65 01 ou coa oficina de Negreira no 981 88 15 69.

A ampliación da rede de abastecemento responde ao compromiso do Concello da Baña coa mellora dos servizos públicos e coa dotación das infraestruturas necesarias para favorecer a calidade de vida da veciñanza.

  • A programación mantén as especialidades de gaita, pandeireta, percusión e canto, con solfexo incluído

  • As clases ofreceranse nos niveis de iniciación e perfeccionamento e desenvolveranse en horario de tarde

  • As novas tarifas son de 80 euros por unha actividade e 120 por dúas ou máis, cunha cota especial de 30 euros vinculada á participación en actuacións

Escola de musica tradicional

O Concello da Baña abre o prazo de inscrición na Escola de Música Municipal e Tradicional para o curso 2026-2027. A actividade comezará o 22 de setembro e prolongarase ata xuño, coincidindo co calendario escolar.

O servizo está dirixido á poboación xeral a partir dos sete anos e ofrece formación en gaita, pandeireta, percusión e canto. O solfexo está incluído como materia complementaria en todas as especialidades.

As clases de gaita, pandeireta, percusión e canto impartiranse nos niveis de iniciación e perfeccionamento, en función dos coñecementos e da formación previa do alumnado. Desenvolveranse polas tardes e non haberá actividade durante as vacacións escolares nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais.

Os horarios concretos serán comunicados polo profesorado ao alumnado e ás familias unha vez rematadas as inscricións. Para impartir cada actividade será necesario contar cun mínimo de cinco persoas, agás no caso do solfexo.

Dez días hábiles para presentar as solicitudes

O prazo de matrícula permanecerá aberto durante dez días hábiles. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso das persoas menores de idade, a solicitude terá que estar asinada pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal. De ser necesario, tamén deberá achegarse un informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial.

As persoas empadroadas na Baña terán prioridade na adxudicación das prazas. A unidade familiar tamén deberá estar ao día no pagamento dos servizos municipais e non manter débedas co Concello, agás nos casos considerados de emerxencia social polos Servizos Sociais Municipais.

As solicitudes presentadas fóra de prazo incorporaranse á listaxe de agarda. Se quedan prazas vacantes, poderán admitirse novas inscricións por orde de presentación sempre que se cumpran os requisitos establecidos.

Nova estrutura de tarifas

A principal diferenza respecto ao curso anterior afecta ás cotas de participación. O prezo xeral será de 80 euros por tempada para unha actividade e de 120 euros para dúas ou máis actividades. As bases tamén establecen tarifas específicas para as unidades familiares.

O alumnado poderá acollerse a unha tarifa especial de 30 euros por tempada se, no momento da matrícula, se compromete expresamente a participar en catro ou máis actuacións organizadas, promovidas ou coordinadas polo Concello da Baña.

O cumprimento deste compromiso deberá ser acreditado pola dirección da Escola. Se ao finalizar a tempada non se participou nas catro actuacións requiridas, a persoa usuaria terá que aboar a diferenza ata completar a tarifa que lle corresponda segundo o número de actividades nas que estea matriculada.

O pagamento efectuarase mediante domiciliación bancaria, distribuído en tres recibos trimestrais.

A Escola de Música Municipal e Tradicional contribúe á aprendizaxe e á difusión da cultura musical galega, ao tempo que favorece a participación do alumnado en concertos, audicións e outras actividades públicas.

As bases completas, a documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse nos documentos adxuntos.