• A veciñanza arroupou un desfile que rematou coa entrega de premios no pavillón de San Vicenzo

  • ‘El show del Gran Hotel’, ‘Polbo á Barcalesa’  e ‘Os insumerxibles de Barcala’ foron as formacións máis premiadas

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.19.13

O Concello da Baña celebrou este sábado o seu tradicional Desfile e Concurso de Entroido cunha destacada participación e unha notable presenza de público nas rúas Castelao e Tedelle. A tarde solleira acompañou unha xornada na que comparsas, carrozas, grupos e disfraces individuais encheron o centro da vila de cor, música e posta en escena.

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.21.18 1

Ao longo do percorrido, o público puido gozar dunha sucesión de propostas moi diversas e coidadas ao detalle: dende a velocidade dos corredores de Fórmula 1 ata un tributo ás tradicións máis nosas; houbo tamén festa e reivindicación gastronómica con Polbo á Barcalesa, a recreación minuciosa de Titanic con todos os seus protagonistas, un gran hotel convertido nun espectáculo de baile e ambientación, unha simpática viaxe a Tailandia e, como non podía faltar no Entroido, espazo para a retranca e a actualidade coa aparición de Donald Trump ou Maduro esposado, entre outras escenas. Un conxunto de propostas que puxo de manifesto a variedade temática e o traballo das formacións participantes.

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.21.18

Unha vez rematado o desfile, a celebración trasladouse ao pavillón municipal de San Vicenzo, onde tivo lugar o fin de festa e a entrega de premios nas distintas categorías.

 

Gañadores do Concurso de Entroido 2026

Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para El show del Gran Hotel; o segundo para Polbo á Barcalesa; e o terceiro para Os insumerxibles de Barcala.

O premio á participación local foi para As marcianas do Barcala.

En disfrace individual infantil, o primeiro premio recaeu en Moi do noso, mentres que en disfrace individual adulto o galardón foi para Non me tóquelo cesto!

Na categoría de grupos, o primeiro posto foi para Esperansa e Claridá e o segundo para Desayuna con alegría.

En carrozas, o primeiro premio foi para Polbo á Barcalesa; o segundo para Os insumerxibles de Barcala; e o terceiro para El show del Gran Hotel.

O xurado estivo composto por Estrela Lois, Jennifer Cambeiro e Jennifer Riveira, que valoraron aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a posta en escena e a capacidade de animación.

A concelleira de Acción social, cultura e servizos á cidadanía, Mónica González, agradece a implicación das persoas participantes e a presenza do público nunha xornada que volveu converter o Entroido nun punto de encontro para a veciñanza.

Consulta a galeria de fotos picando neste enlace ao Facebook do Concello 

20260213 reunion SEA

A colaboración entre o Concello da Baña e Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) deu un paso decisivo cara á construción do futuro parque empresarial de Eiroa, un proxecto que ocupará preto de 200.000 metros cadrados e que suporá un impulso económico e empresarial para o municipio.

A última reunión de traballo celebrouse nas oficinas de SEA en Santiago de Compostela na que participaron o alcalde, José Antonio Pereira Gil, e o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, xunto coa directora de SEA, Beatriz Sestayo, e os técnicos José Rey e Antonio Quintela. O encontro tivo como obxectivo afianzar os avances do proxecto e concretar os aspectos clave relacionados coa urbanización do polígono..

Durante a reunión, o Concello presentou un estudo detallado con memoria e orzamentos, solicitado tras un encontro previo, que servirá como base para axustar a inversión e facilitar a planificación do parque. A proposta municipal inclúe a definición de instalacións básicas, zonas verdes e outros elementos urbanísticos esenciais.

Ademais, acordouse iniciar un proceso de contacto coas empresas locais e con posibles interesados, co fin de determinar a demanda real e avaliar as achegas que deberán asumir as compañías que se integren no futuro polígono.

O alcalde José Antonio Pereira Gil destacou que “estes encontros permiten ao Concello da Baña liderar o proxecto e garantir que cada decisión estea adaptada ás necesidades do noso municipio”. Subliñou tamén que a colaboración con SEA é “fundamental para levar a cabo un dos proxectos máis importantes para A Baña” e asegurou que “os estudos de custos achegan cada vez máis á execución do parque empresarial”.

A directora de SEA, Beatriz Sestayo, sinalou que “avanzamos nun estudo rigoroso de necesidades e investimento, abrindo agora un paso imprescindible: escoitar aos empresarios de A Baña sobre cuestións máis concretas” e destacou a implicación do Concello no impulso do proxecto.

O Concello da Baña seguirá coordinándose con SEA para definir os próximos pasos e consolidar o parque empresarial de Eiroa como un espazo estratéxico para o desenvolvemento económico local.

  • Celebrarase o domingo 8 de febreiro e está dirixido ao público infantil e familiar

  • A actividade é gratuíta pero por motivos organizativos precísase inscrición previa

     Obradoiro mascaras

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, organiza o obradoiro de máscaras En-mascara-ARTE, que se celebrará o domingo 8 de febreiro como parte da programación da XXII Festa da Filloa da Pedra da Baña.

A actividade desenvolverase en dúas sesións diferenciadas, unha dirixida á rapazada de 4 a 8 anos e outra para participantes a partir dos 8 anos, cunha duración aproximada de dúas horas. O obradoiro é gratuíto, inclúe todo o material necesario para a elaboración das máscaras, pero por motivos organizativos solicítase inscrición previa.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao 981 88 65 01 ou a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Durante o obradoiro, as persoas participantes crearán as súas propias máscaras inspiradas na natureza, no bosque e nos animais propios de Galicia, elementos moi presentes na contorna do concello da Baña, favorecendo a expresión artística e a participación colectiva nun ambiente lúdico e educativo.

Esta actividade forma parte do conxunto de propostas culturais organizadas polo Concello arredor da Festa da Filloa da Pedra, co obxectivo de complementar a celebración gastronómica cunha programación cultural dirixida á veciñanza de todas as idades.

Unha tradición ligada ao Entroido e á natureza

O obradoiro En-mascara-ARTE nace coa vontade de recuperar e reinterpretar unha tradición ancestral vinculada ao inicio do Entroido, presente historicamente en todos os pobos de Galicia. Aínda que A Baña non pertence a unha comarca especialmente vencellada ao Entroido das máscaras nin conta con testemuñas gráficas propias desta práctica, a tradición permanece viva na memoria colectiva do concello.

O seu enfoque simbólico remite á figura do home verde, personaxe asociado ao bosque e á natureza, símbolo da chegada da primavera e presente en numerosos edificios galegos medievais, renacentistas e modernistas. Esta figura segue manifestándose no paso das estacións e nas fragas, soutos e bosques de Galicia, tamén na contorna da Baña.

Os entroidos tradicionais galegos manteñen unha estreita relación coa natureza, cunha forte presenza de representacións zoomórficas e rituais vencellados ao ciclo vital, elementos que conectan directamente coas tradicións gastronómicas destas datas, como a Festa da Filloa da Pedra.

A través desta proposta, o Concello da Baña aposta por poñer en valor o patrimonio inmaterial galego, fomentando a creatividade, a transmisión cultural e a participación da veciñanza no marco dunha das festas máis representativas do municipio.

  • A programación anual inclúe eventos destacados como a II Ruta Ciclista da Filloa, a Carreira Popular ou o X Trail da Baña 

  • O obxectivo é promover hábitos de vida saudables e a participación veciñal

20260126 cartel actividades deportivas 2026

O Concello da Baña, a través da Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, vén de presentar o seu Programa de Actividades Deportivas 2026. Trátase dunha planificación integral que combina propostas competitivas, formativas e de lecer co obxectivo de converter o deporte nun motor de saúde e convivencia veciñal.

O calendario arrincará este domingo 8 de febreiro coa II Ruta Ciclista da Filloa, unha xornada popular que combina deporte e tradición no marco da XXII Festa da Filloa da Pedra.

En marzo celebrarase o Torneo de Minibásquet, orientado á promoción do deporte base e dos valores do traballo en equipo. Xa no mes de abril terán lugar o I Torneo de Tenis de Mesa e un Campamento Deportivo, dúas iniciativas centradas no deporte individual e no lecer activo da infancia e da mocidade.

En maio será a quenda da segunda edición da Carreira Popular da Baña, unha cita que volverá reunir participantes de diferentes idades nunha proba aberta e que busca consolidarse no calendario deportivo local.

O mes de xuño marcará a clausura das Escolas Deportivas Municipais e a celebración do V Torneo de Xadrez, reforzando a aposta polo deporte formativo.

O período estival continuará en xullo coa organización dunha saída ao parque acuático e un curso de natación, mentres que en agosto terá lugar a Festa da Auga, unha actividade lúdico-deportiva dirixida ao conxunto da veciñanza.

Tras o verán, en setembro, celebrarase o X Trail da Baña, coincidindo co inicio dunha nova tempada das Escolas Deportivas. O calendario continuará en outubro co V Torneo de Pádel, unha competición que gaña inscritos ano a ano, e en novembro cunha Xornada de Hábitos Saudables e Primeiros Auxilios, de carácter formativo e preventivo.

O programa pecharase en decembro cunha saída á pista de xeo, pensada como actividade de lecer deportivo para a veciñanza de todas as idades durante o período festivo de Nadal.

Ademais destas accións concretas, o Concello da Baña manterá ao longo de todo o ano o Circuito de Andainas ‘Descubre A Baña’, así como a asistencia a eventos deportivos de interese, reforzando o compromiso municipal coa promoción da actividade física e do benestar social.

O Concello da Baña deseñou esta programación como unha aposta firme polo deporte como ferramenta de saúde, integración e cohesión social, garantindo unha oferta accesible e variada para o conxunto da cidadanía.

As persoas interesadas en obter máis información poden chamar aos teléfonos 981 886 501 ou 669 368 413.

  • A proba celebrarase o 8 de febreiro coincidindo coa XXII edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña

  • A organización establece dous percorridos de 5 e 10 quilómetros para fomentar a participación de todas as idades

ruta ciclista

No marco da celebración da XXII Festa da Filloa da Pedra, o Concello da Baña organiza a segunda edición da Ruta Ciclista da Filloa. Esta cita, que terá lugar o vindeiro domingo 8 de febreiro, busca promover hábitos de vida saudables ao tempo que se pon en valor o patrimonio gastronómico do municipio.

A xornada deportiva comezará ás 10.00 horas dende a Praza do Concello. Co obxectivo de ser unha proba inclusiva e familiar, a organización deseñou dous trazados diferenciados: un de 5 quilómetros, ideal para os máis novos, e outro de 10 quilómetros para aqueles que busquen un desafío un pouco maior.

Seguridade e inscricións

Dende o departamento de Deportes do Concello lémbrase que o uso do casco será estritamente obrigatorio para todos os participantes. Así mesmo, establécese que os menores de 11 anos deberán realizar o percorrido acompañados por unha persoa adulta. Como recoñecemento ao esforzo, ao remate da ruta haberá un servizo de abastecemento e petiscos para todos os ciclistas.

As persoas interesadas en participar nesta experiencia deportiva e gastronómica teñen de prazo ata o venres 6 de febreiro para formalizar a súa inscrición. O trámite pode realizarse a través do teléfono 669 368 413 ou enviando un correo electrónico ao enderezo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

Esta iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña, consolidándose como unha das actividades máis dinámicas da programación festiva de febreiro na comarca.