• As sesións terán lugar todos os luns, de 19:00 a 20:30 horas, na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, e estarán dirixidas por Xan Martínez

  • Co obxectivo de dar a coñecer esta disciplina haberá unha primeira clase de proba o luns 29 de setembro

expresion

O Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscricións para a actividade de expresión corporal, que se inclúe dentro da programación da Escola Municipal de Teatro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula a través da sede electrónica do Concello ou na Concellería de Cultura, permanecendo o prazo aberto ata cubrir prazas.

As sesións terán lugar todos os luns, en horario de 19:00 a 20:30 horas, na Escola Municipal de Música Emilio Andújar, e estarán dirixidas por Xan Martínez. O curso está previsto que comece no mes de outubro, no marco do programa 2025/2026.

Co obxectivo de dar a coñecer esta disciplina, organizarase unha primeira clase de proba o luns 29 de setembro, aberta á cidadanía, na que se poderá experimentar de primeira man a proposta de traballo.

A actividade de expresión corporal busca favorecer o benestar a través do movemento e da creatividade, incidindo en aspectos como a atención, a memoria, a verbalización, a intelixencia emocional e os procesos cognitivos, factores que repercuten directamente na mellora da calidade de vida.

Para máis información, o Concello da Baña pon a disposición da veciñanza o teléfono de contacto 686 148 512.

 

Os formularios de inscrición, o documento de pago e as autorización de imaxe e uso de teléfono podes descargarse nos documentos adxuntos. 

  • ‘Os misterios da biblioteca’ celebrarase o venres 19 de setembro ás 17:00 horas 

  • A proposta combina diversión, enxeño e traballo en equipo

  • É preciso inscribirse a través do teléfono 981 88 65 01 ou enviando un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Post de Instagram Escape Room Isométrico Morado

A Axencia de Lectura da Baña transformarase o vindeiro venres 19 de setembro, ás 17:00 horas, nun auténtico escenario de xogo e aprendizaxe coa celebración do escape room Os misterios da biblioteca. A actividade está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 16 anos e combina diversión, enxeño e traballo en equipo.

A proposta, organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña enmárcase dentro do programa #LerContaMoito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e busca achegar a lectura e o mundo dos libros á mocidade dunha forma diferente e novidosa.

Unha hora para resolver os misterios

Durante 60 minutos, os participantes deberán enfrontarse a un reto colectivo: resolver os misterios agochados na biblioteca. Para iso terán que organizarse en equipos, superar probas, descifrar enigmas e atopar as chaves que lles permitan avanzar no xogo.

A dinámica baséase en fomentar habilidades como a comunicación activa, a cooperación, a creatividade e a capacidade de resolución de problemas, valores fundamentais non só para superar o escape room senón tamén para a vida diaria.

Inscricións abertas

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 981 88 65 01 ou enviando un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

O Concello da Baña anima a todas as familias a inscribir aos seus fillos e fillas nesta proposta orixinal que converte a biblioteca nun espazo cheo de misterios, aventuras e aprendizaxes para compartir.

20250715 Axudas transporte escolar v02

 

O Concello da Baña informa que ata o día 24 de xullo estará aberto o prazo de solicitudes para as axudas ao transporte dirixidas aos estudantes da Baña que cursarán os seus estudos no IES Xulián Magariños de Negreira ou no IES Terra de Xallas de Santa Comba durante o curso 2025-2026.

Para o próximo curso, dispóñense un total de 25 prazas para estas axudas. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 24 de xullo, unha vez publicadas as bases na Sede Electrónica do Concello da Baña e na páxina web municipal. Transcorrido este prazo, non se admitirán novas inscricións.

Este servizo de axuda ao transporte será de carácter temporal e estará en funcionamento desde setembro de 2025 ata xuño de 2026 (ambos meses incluídos), coincidindo co calendario escolar anual e en horario lectivo dos centros educativos.

As solicitudes deben presentarse utilizando os modelos recollidos na web do Concello e entregaranse no Rexistro Xeral do Concello.

Para máis información sobre o proceso de solicitude e os requisitos, os interesados poden consultar a Sede Electrónica do Concello ou chamar ao teléfono do Concello 981 886 501.

As bases de funcionamento deste servizo así como as fichas de solicitude, de autorización do uso do teléfono e da orde de domiciliación de recibos poden descargarse nos arquivos adxuntos.

Consulta as basespremendo neste enlaceou consultando o documento adxunto. 

Attachments:
Download this file (Bases_transporte_alumnado_curso_25-26.pdf)15-7-2025_Bases_axudas_transporte_escolar_curso_25-26[15-7-2025_Bases_axudas_transporte_escolar_curso_25-26]258 kB
Download this file (Ficha_Inscricion_domiciliacion_telefono_axudas_transporte_25-26.pdf)16-7-2025_ficha_inscricion_axudas_transporte_escolar_25-26[16-7-2025_ficha_inscricion_axudas_transporte_escolar_25-26]170 kB
  • O proxecto ten un orzamento de 156.955 euros, que se engaden aos 94.852 euros para a rede de abastecemento de auga potable á parroquia do Barro para ser financiados pola Deputación

  • Os festivos locais para 2026 seguirán sendo o 22 de xaneiro, San Vicenzo; e o 9 de setembro, a Virxe das Dores

  • Aprobada unha moción solicitándolle á Xunta maior financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar.

 

 

 

O Pleno do Concello da Baña comezou este 30 de xullo gardando un minuto de silencio en memoria de Teresa de Jesús González, a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño que finou asasinada esta semana presuntamente polo marido da persoa que ía coidar. Na sesión aprobouse por unanimidade incluír a mellora da capa de rodaxe da pista que vai de Marcelle a Reguengo, na parroquia de Suevos, nos proxectos a financiar polo Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación da Coruña (POS+ Adicional 2025).

O alcalde, José Antonio Pereira, explicou onte no pleno que o proxecto que ten redactado o Concello para mellorar a capa de rodaxe da pista de Marcelle ao Reguengo (en Suevos) conta cun orzamento de 156.955,68 euros, e vaise incluír na segunda fase do POS+ Adicional 2025 para que sexa financiado pola Deputación. Esta obra sumase á rede de abastecemento de auga potable na parroquia do Barro, xa incluída no POS+ Adicional cun orzamento de 94.852,60 euros.  Deste xeito completaríanse os 251.808,28 euros que lle corresponden ao Concello da Baña dentro do Plan adicional de Obras e Servizos da Deputación. Ese punto aprobouse cos votos a favor de todos os concelleiros

Tamén por unanimidade aprobáronse os festivos locais para 2026, que seguirán sendo o día de San Vicenzo (22 de xaneiro), patrón do municipio, e o da Virxe das Dores (9 de setembro).

Cos votos a favor do equipo de goberno (5 do PSdeG e 1 do BNG) e a abstención do PP aprobouse delegar la Xunta de Goberno Local as competencias do Pleno para establecer e modificar os prezos públicos que se cobran polos servizos que presta o Concello.

Moción sobre o Servizo de Axuda no Fogar

Mónica González defendeu no pleno a moción do BNG a favor do sistema público de atención á dependencia e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na que se denuncia o “preocupante proceso de desmantelamento e privatización” do SAF, o incremento da lista de agarda e un investimento por persoa en Galicia (1.317 euros anuais) moi inferior á media estatal (2.000 euros).

A moción foi aprobada cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1). Entre outros puntos, na mesma ínstase á Xunta a garantir o financiamento suficiente do SAF, elevando o prezo hora que paga o goberno autonómico ata os 20 euros (actualmente financia 12) e a redución dos tempos de espera para as avaliacións e acceso ás prestacións de dependencia, que hoxe teñen unha media de 361 días en Galicia e na Baña achéganse aos dous anos.

Todos os grupos políticos coincidiron no infrafinanciamento do SAF, un servizo que lle corresponde á Xunta e que están prestando os concellos “de xeito impropio”, xerando un forte endebedamento para as arcas municipais. Na Baña o concello está pagando a 21 euros a hora, e só reciben 12 da Xunta. Outros concellos están licitando o SAF con prezos hora de entre 23 e 24 euros. A Baña estima que este ano se prestarán máis de 25.000 horas de atención no SAF, dixo a tenente de alcalde.

O PP abstívose na votación ao considerar que a moción “tamén debería esixirlle responsabilidades ao Goberno central, que lle debe varios miles de millóns á Xunta para financiar a dependencia”.

Mónica González comprometeuse a enviar a moción aprobada tanto á Consellería de Política Social, grupos parlamentarios autonómicos e a Fegamp (que xa incluía a proposta) como ao Ministerio de Política Social do goberno central.

 

20250730 Banha pleno ordinario xullo 1

 

 

  • Mónica González e responsables da escola de música animan á veciñanza que formou parte da antiga Banda da Baña que se sume á nova agrupación

  • A concelleira informa que en agosto haberá obradoiros gratuítos de piano e acordeón

  • A Escola de música Emilio Andújar formáronse este curso unha trintena de alumnos e alumnas en percusión, vento metal, piano e acordeón

 

20250628 Banha clausura curso Escola Musica actuacion Banda 15

A Escola Municipal de Música Emilio Andújar da Baña celebrou este sábado 28 de xuño o festival de fin de curso, unha cita que serviu para amosar o traballo realizado polo alumnado ao longo do ano e poñer en valor o talento musical que medra no concello. Durante o festival, que se desenvolveu nas instalacións da propia escola, o público puido gozar de distintas actuacións, incluída a da recentemente creada Banda da Escola de Música da Baña, que pechou o acto.

As actuacións do alumnado comezaron coa interpretación do tema Basoira miña por parte da aula de percusión, e remataron cunha vibrante versión a batería de No puedo vivir sin ti, en palabras do director da escola, Juan Leis, “porque non podemos vivir sen música”. A actuación da Banda da Escola de Música da Baña pechou este emocionante festival con tres temas e rematou coa interpretación do Himno Galego, que tamén foi coreado polo público presente, creando un momento de especial emoción.

A Banda da Escola de Música da Baña presentouse oficialmente o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, e conta con dirección compartida entre Marcos Cernadas e Juan Leis, este último tamén responsable da escola. O obxectivo para o vindeiro curso é que a banda poida actuar polas distintas parroquias do concello, achegando a música a toda a veciñanza.

Durante o curso 2024-2025, participaron na escola municipal unhas trinta persoas, que recibiron formación en percusión, vento madeira, piano e acordeón. A concelleira de Acción Social, Mónica González, destacou a importancia da música como “ferramenta educativa e socializadora”, e felicitou ao alumnado “pola súa entrega e pola recuperación da Banda da Baña”. Tamén puxo en valor a valentía de moitas alumnas e alumnos que están a aprender dous instrumentos ao mesmo tempo.

González aproveitou o festival para facer un chamamento a todas as persoas que no pasado formaron parte da Banda da Baña, ou que teñan instrumentos musicais na casa, para que se animen a sumarse á nova banda, “aínda que non acudan a escola de música”.

A tenente de alcalde anunciou ademais que durante o mes de agosto a Concellería de Acción Social organizará obradoiros gratuítos de piano e acordeón, abertos á veciñanza. Tamén sinalou que este ano se puxo en marcha un grupo de música e movemento para nenas e nenos de ata seis anos, que espera que poida actuar no festival do vindeiro curso.

Na clausura do festival, Mónica González entregou diplomas ao alumnado presente e agradeceu o traballo do equipo docente da escola: Juan Leis (percusión e responsable da escola), Marcos Cernadas (vento metal) e Ramón Leis (piano e acordeón). Ao acto tamén asistiron os concelleiros Álvaro Silva e Vanesa Gil.