IMG 20170701 114054 copia

Este sábado, 1 de xullo de 2017, as familias de Maimiños e Furabolos da Baña e Avelaíños e Rebuldeiros de Negreira aproveitaron para compartir unha xornada de lecer visitando o parque zoolóxico Marcelle Natureza. Os máis pequerrechos portáronse como verdadeiros campións durante o traxecto en autobús e nos percorridos trazados a través das distintas seccións do parque.

Nada máis chegar, dividíronse as familias en dous grupos, o dos pequerrechos e o dos maiores, aos que acompañaban cadansúa monitora que adaptaron a visita ás características e ás idades das persoas. Aínda así, houbo actividades conxuntas para compartir como o teatro de marionetas no que algúns pais e nais se atreveron a representar as voces dos animais protagonistas da obra.

Entre os animais do parque, chamaron a atención das familias, especialmente, os lobos Rasca e Pica que non dubidaban en ouvear como resposta á chamada da xente e os emús, aves non voadoras de gran tamaño, que comeron da man de todas as persoas do grupo que se prestaron a alimentalas.

Ademais de visitar os animais, as familias participantes tamén puideron gozar da flora existente no bosque autóctono, do que forma parte o zoo; da exposición artística con obras realizadas, principalmente, en madeira e pedra que están distribuídas por todo o parque e de actividades como o tiro ao arco, coa que probaron a puntería tratando de acertar na cabra que estaba no centro da diana.

Despois desta xornada tan completa, as familias regresaron concienciadas da protección da fauna silvestre e da conservación da natureza, obxectivo principal de Marcelle Natureza.

IMG 20170623 WA0002 copia 2

Este obradoiro, dirixido ao alumnado de secundaria do CPI San Vicente, estivo desenvolvido por dous regueifeiros o pasado venres, 23 de xuño, en horario de mañá.

A mocidade puido achegarse, cun toque de humor, ao mundo da disputa oral en verso sobre diversos temas tal como facían de maneira espontánea os nosos antepasados.

Foi unha boa oportunidade para desensolver a axilidade mental, o humor, a improvisación, o enxeño, a mordacidade…

 IMG 2175 compressed 1

Preto de corenta nenos e nenas de infantil da comarca de Barcala mais o seu profesorado participaron no encontro anual das escolas de educación infantil que xirou arredor dos xogos populares.

As escolas de educación infantil de Aro, San Vicente e Lañas compartiron unha mañá de convivencia, hoxe, 2 de xuño, no concello da Baña; este ano, non puido incorporarse a escola de Negreira como é habitual noutras ocasións.

A xornada comezou na casa de cultura onde se atoparon con Urxa, a trasno da biblioteca; alí, recordaron a xuntanza do ano anterior, falaron sobre todo o que ían facer no que restaba de mañá e percorreron a biblioteca e o salón de actos.

A continuación, visitaron a casa do concello; no salón de plenos, esperaba o alcalde, José Andrés García Cardeso, para recibilos e explicarlles como se desenvolven as sesións do Pleno. Tamén aproveitaron para visitar as dependencias municipais.

Máis tarde, foron andando pola beirarrúa ata a área recreativa de Chans onde merendaron e xogaron divididos por grupos a xogos tradicionais como a mariola, a chave, os trompos, o pano, as sandalias cooperativas, as carreiras de chapas...

Volveu a ser esta unha ocasión excepcional para aprender, xogar, divertirse, gozar... en colaboración, da man dun profesorado centrado na promoción da aprendizaxe lúdica e nun marco como é a área recreativa de Chans que acaba de ser reparada e que permite o contacto directo coa natureza.

 

IMG 2188peque

 O alumnado do CPI San Vicente puido gozar coa obra Un lugar chamado mundo da compañía VerdeVeras este martes, 20 de xuño de 2017. A protagonista da obra é "unha das mellores regueifeiras da comarca que queda de súpeto sen palabras.

Por consello do seu avó, emprende unha viaxe polo mundo en busca de novas historias que merezan ser cantadas e contadas...

 

Nicolai, aviador xubilado, será o seu compañeiro nesta viaxe que a levará de Galicia a Italia, China, Cuba e Senegal.

 

A visita aos distintos continentes permitiralle achegarse a historias, músicas e danzas diversas; pero sobre todo a recoñecer o enriquecedoras que poden ser as diferenzas entre as persoas e o moito que no esencial nos parecemos.

 

Esta inmersión na cultura doutros pobos tamén a  axudará a crecer revalorizando a súa propia raíz, e a reflexionar sobre a necesidade de coidar este lugar chamado mundo que nos acubilla."

semana bañense das letras 2017