Como todos os anos, a Escola de Educación Infantil de Lañas xunto co Concello da Baña organizaron un encontro coas escolas de Aro e San Vicenzo. Este ano, o percorrido foi pola parroquia de Cabanas, concello da Baña. Nesta visita, os nenos puideron comprobar como os gandeiros da zona coidan as súas explotacións de leite.

Primeiro, pasaron pola granxa de Liñares; alí viron o nivel de automatización do seu traballo; as máquinas estaban presentes en case todas as tarefas: limpar as cortes, muxir, dar de comer… incluso teñen unha sala para masaxes. Despois, aproveitaron na explotación de Paredes para ver as vacas pacendo ao aire libre, darlle de mamar aos cuxos e aprender a facer queixo fresco.

Ao remate da excursión, cando se despediron, quedaron coa sensación dunha experiencia enriquecedora pero sobre todo entrañable pola acollida que lles ofreceron os seus anfitrións, os donos das granxas e as súas familias. Esta é a tónica xeral de todos os anos; estas visitas son moi boas oportunidades para coñecer a contorna e as súas xentes e para que os nenos dos distintos centros interactúen.

http://www.elcorreogallego.es/terras-de-santiago/ecg/as-escolas-infantis-da-comarca-barcala-celebraron-xuntanza-anual/idEdicion-2014-05-26/idNoticia-870853/

O Concello da Baña festexa o Día das Letras Galegas ao longo da semana do 17 de maio.

A Baña vai comezar a celebración das Letras Galegas coa exposición dos carteis sobre o autor homenaxeado, Xosé María Díaz Castro, no centro social de San Vicenzo, a partir do 12 de maio. Este material foi elaborado polo IES Perdouro de Burela que resultou premiado no Concurso-Exposición Letras Galegas 2014 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os festexos continuarán o mércores, a partir das 16.00 h, tamén no centro social de San Vicenzo cun obradoiro e exposición de instrumentos tradicionais de música no que vai participar o alumnado do CPI San Vicente e que tamén está aberto a toda a cidadanía.

Como punto final da celebración, o venres, no local social de San Vicenzo , todas as persoas interesadas poderán participar nunha Xornada de portas abertas do teatro bañés ás 19.30 h e nas actuacións de Xosé Manuel Lago e Óscar Martínez ás 21.00 h e de Caxade ás 21.30 h.

Ficheiros: 

semana_banense_das_Letras_Galegas.pdf

  • O Concello da Baña vai celebrar o IV Maratón de contacontos o martes, 22 de abril, de 17.00 a 19.30 h, na casa de cultura
  • Baobab Teatro vai participar, como actuación estrela, co seu espectáculo Contos para un caldiñoás 18.30 h

As familias do concello da Baña e contorna van ter a posibilidade de participar no IV Maratón de contacontos que se celebra anualmente con motivo de conmemorar o Día do Libro, de fomentar a lectura, a expresividade e a creatividade. Moitas das familias participantes asisten tamén con habitualidade ao programa Maimiños que está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 3 anos.

Para participar, cabe a posibilidade de que cada quen traia da súa casa o conto que quere ler, contar ou representar ou tamén pode buscar entre as múltiples posibilidades que lle ofrece a biblioteca que está situada na casa de cultura, onde se vai celebrar o maratón. Os/As contadores/as terán un agasallo como agradecemento pola súa participación. Ademais, haberá actividades relacionadas coa lectura seleccionada que pretenden estimular o apetito lector dos/as participantes.

Esta actividade, que organiza o Servizo de Normalización do Agrupamento A Baña-Negreira xunto con Educación Familiar e Cultura, vai contar este ano coa intervención estelar de Baobab Teatro con Contos para un caldiño. É este un espectáculo de 50 minutos de duración, para todos os públicos, divertido, dinámico, moi participativo, co que se pode gozar de historias que entren polo nariz e que se poidan degustar.

Ficheiros: 

Ficha_inscricion.pdf