20201013 manifesto eolicos asinadoOs alcaldes da Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba solicitan que a instalación de parques eólicos nos seus municipios redunde en beneficio dos intereses da poboación do rural, principal afectada por estas infraestruturas. Nunha declaración institucional, os cinco rexedores amosan a súa preocupación e a da veciñanza pola creación de novos parques, remarcando que os habitantes destas zonas sufrirán os inconvenientes deste tipo de instalacións pero apenas notarán o beneficio económico que xeran.

Asinan a declaración José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña, e os seus homólogos de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro; de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; de Outes, Manuel González López; e de Santa Comba, David Barbeira García. Con esta acción queren poñer de manifesto a fonda preocupación da cidadanía "polo elevado número de proxectos de parques eólicos previstos" nestes territorios. A inquietude da veciñanza, explican, vén dada polo "impacto medioambiental dos parques proxectados, varios deles nas proximidades de núcleos habitados e que ademais se veñen a sumar aos xa existentes".

Os alcaldes recordan que a lexislación establece unha distancia mínima de 500 metros con respecto aos núcleos habitados, que lles parece "escasa", máis aínda cando os parques se atopan fragmentados en diversos proxectos cando, "en realidade, amosan unha continuidade e que comparten infraestruturas polo que deberían ser considerados un único parque".

Os asinantes manifestan a súa contrariedade polo feito de que "a lexislación actual non posibilita que a poboación rural se beneficie dunha maneira xusta da presenza desta industria nos seus territorios. Ao contrario do que acontece noutros países, non existen mecanismos que compensen a asimetría existente no poder de negociación entre promotores eólicos e veciñanza, sobrevoando nas negociacións a ameaza de expropiación pola declaración de interese público por parte da propia administración". "É particularmente preocupante", proseguen, "que só os propietarios dos terreos directamente afectados reciban algún tipo de compensación, en calquera caso insuficiente, mentres que o resto de veciños que soportan os custes ambientais non teñen ningún beneficio económico directo. Nese sentido, a compensación que recibimos os concellos polo Fondo de Compensación Ambiental, derivado do canon eólico, é totalmente insuficiente". Deste xeito, "a percepción maioritaria é que as poboacións rurais estamos a soportar en exclusiva os custos ambientais da produción de enerxía eólica, mentres que os beneficios que permanecen no territorio son mínimos".

Así, os alcaldes da Baña, Mazaricos, Negreira, Outes e Santa Comba afirman que "a enerxía eólica debe ser e pode ser fomentada sen atentar contra os intereses ambientais e socioeconómicos da contorna onde se produce", posto que "só desa maneira pode pasar de ser unha ameaza a ser unha oportunidade para o noso rural". Por isto, solicitan ás instancias pertinentes, en particular ao Parlamento de Galicia, que modifique o marco normativo e, mentres, que paralice os proxectos en marcha.

20200626 contedor marron

O Concello da Baña quere participar no proxecto piloto impulsado pola Consellería de Medio Ambiente para implantar o contedor marrón de recollida separada de fracción orgánica de residuos domésticos para facer compós de calidade. Para levalo a cabo, o Concello pide voluntarios entre a poboación para empezar a usar o contedor marrón, que require dunha chave para abrilo.

Neste proxecto úsanse contedores marróns de 240 litros de capacidade, con cerradura para a súa apertura pola persoa usuaria mediante chave. Nestes contedores só se poden borar biorresiduos para obter compós de calidade.

Para implantar este proxecto na Baña, o Concello precisa da colaboración de veciños ou veciñas. As persoas voluntarias entregaráselles unha chave do contedor marrón para que depositen nel os residuos autorizados.

Os residuos que se poden tirar neste tipo de contedores son: restos de froita, verdura, carne, pescado, cascas de ovo, marisco, froitos secos, outros restos de comida, restos de infusión e café, papel de cociña sucio, panos de papel usados, cartón sucio de aceite, tapóns de cortiza, mistos, serraduras, pequenos restos de xardinería (plantas, ramos de flores…). Non se pode depositar: aceite de cociña, residuos de varrer, cabichas, cueiros,  produtos de hixiene persoal  e excrementos de animais.

Pódese obter máis información sobre  este proxecto chamando por teléfono ao Concello da Baña (981 886 501) ou na web do Sirga (Sistema de información de residuos de Galicia) da Consellería de Medio Ambiente (neste enlace).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de comunicarlle ao Concello da Baña que se vai iniciar a avaliación de impacto ambiental de dous parques eólicos solicitados pola empresa Gren Capital Power SL en terreos do termo municipal da Baña. A documentación pódese consultar na web da Consellería durante 30 días.

O parque eólico do Barrosino solicitado por Gren Capital Power SL consta de 3 aeroxeradores dunha altura de 127,5 metros de altura, cun diametro de rotor de 145 m e capacidade para xerar 13,5 MW (megawatios).

O parque eólico de Vilartoxo situarase nos municipios da Baña e Val do Dubra, e consta de 6 aeroxeradores de 127,5 metros de alto e un diámetro e rotor de 145 metros (4 deles estarán na Baña), con capacidade para xerar 27 MW. Na Baña, afectará a montes das parroquias de Lañas, Troitosende e Cabanas.

A Consellería comunicoulle ao Concello o pasado martes o inicio da tramitación do parque de Barrosino, e hoxe a do expediente de Vilartoxo.

A documentacion pódese consultar na web da Consellería de Medio Ambiente, neste enlace:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Avaliacion_ambiental?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Avaliacion_impacto_ambiental_proxectos/Seccion_AIA.html&sub=Participacion_publica/&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Avaliacion_proxectos/dinamico/listado_proxecto_aap_central.html

A vindeira recollida de plásticos agrícolas realizarase na Baña o luns, 8 e xuño. Trátase dun servizo gratuíto para a veciñanza e a empresa encargada desprázase ata o domicilio das persoas interesadas, se bené preciso anotarseantes do venres, día 5 de xuño, chamando ao teléfono do Concello 981 886 501.

Segundo datos da Xunta, a cantidade de plástico agrícola (plástico e bolsas de silo, plástico de invernadoiro) que se xera en Galicia ao longo dun ano é de aproximadamente 7.700 toneladas. A práctica habitual do vertido ou da incineración de xeito incontrolado supón un problema medioambiental, polo que os agricultores e gandeiros deberán recoller e xestionar correctamente os plásticos agrícolas que xeran da súa actividade.

20200325 Residuos 1O Concello da Baña informa de que a partir de hoxe, mércores 25 de marzo, os contedores do lixo estarán sempre abertos para evitar o contacto de veciños e veciñas coa superficie das tapas e contribuír así a frear a propagación do Covid-19. O Concello pide a colaboración veciñal para deixar abertas tanto a cuberta dos contedores verdes de residuos orgánicos como a pequena tapa dos colectores de plástico, de cor amarela.

Por outra banda, o Concello informa de como ha de ser a xestión dos residuos nos domicilios. Así, naqueles fogares nos que non se rexistrasen casos positivos por coronavirus nin estean en corentena, a separación de residuos realizarase como se viña facendo habitualmente. O Ministerio de Sanidade, a través dunha orde publicada no BOE, lémbralle á cidadanía a importancia de optimizar a recollida separada do lixo. Tamén indica que as luvas de látex ou nitrilo non son envases e polo tanto non deben depositarse no contedor de envases lixeiros (amarelo).

No caso de fogares positivos ou en corentena por Covid-19, o Ministerio de Sanidade recomenda eliminar os residuos do paciente seguindo este protocolo:

  • Depositar os residuos e o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, máscaras) nunha bolsa de plástico (BOLSA 1) nun caldeiro do lixo disposto no cuarto, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe.
  • Pechar adecuadamente a bolsa de plástico (BOLSA 1) e introducila nunha segunda bolsa de lixo (BOLSA 2), á beira da saída do cuarto, xunto coas luvas e a máscara utilizada polo/a coidador/a. Pechar adecuadamente esta bolsa antes de saír do cuarto.
  • Depositar a BOLSA 2 xunto co resto de residuos domésticos nunha bolsa do lixo (BOLSA 3), correspondente ao caldeiro de fracción resto. A BOLSA 3 tamén se pechará adecuadamente.
  • Inmediatamente despois do tratamento de residuos, realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, polo menos durante 40 ou 60 segundos.
  • A BOLSA 3 depositarase exclusivamente no contedor de fracción resto.

Pode consultar no arquivo adxunto a Orde SND271/2020, do 19 de marzo, pola que se establecen instrucións sobre xestión de residuos na situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

Attachments:
Download this file (BOE_Orde_Xestion_Residuos.pdf)BOE. Instruccións sobre a xesión de residuos [BOE. Instruccións sobre a xesión de residuos ]257 kB