• O proxecto é froito da colaboración entre Concello e a asociación A Baña Emprende e ten como fin contribuír á promoción cultural e turística do municipio

Martín Rivas e Verónica Silva, arqueólogos colaboradores no proxecto, supervisaron esta semana o comezo da segunda fase dos traballo de limpeza e captación destinados á recuperación do castro da Baña. As labores realizadas ata o de agora permiten xa ver a croa ou espazo superior e de vixilancia do castro dende o que, baixando polas ladeiras do monte, se estendían as construcións.

A posta en valor do castro da Baña responde a unha iniciativa da asociación de empresarios A Baña Emprende e ten como obxectivo poñer en valor atractivos do municipio que contribúan a súa promoción patrimonial, cultural e turística. Unha xuntanza o pasado 25 de xaneiro entre o alcalde, Andrés García Cardeso; o concelleiro de promoción de vida activa e deportiva, César Ramos; e o presidente dos empresarios, Rafa Vieito, selou o acordo de colaboración polo que o Concello sufraga os gastos da empresa de limpeza e desbroce desta segunda fase dos traballos, ademais de ceder material.

A recuperación do castro como área arqueolóxica e espazo público súmase ao recente acondicionamento do pico de Santa Mariña, no que se habilitaron un banco e un bambán para gozalo como miradoiro.