• O alcalde, José Antonio Pereira, reuniuse co director de Amtega para apremialo a realizar as actuacións necesarias canto antes //

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, visitou onte a sede de Amtega en Santiago para reunirse co director deste organismo, Julián Cerviño, e apremialo a realizar as actuacións necesarias para dotar de cobertura móbil todos os lugares das parroquias da Riba, Lañas e Cabanas.

Nesta xuntanza, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) comprometeuse a axilizar os trámites para a instalación no prazo máis breve posible de dúas antenas 5G, que lles darán cobertura móbil de voz e datos de alta velocidade aos lugares das tres parroquias bañenses que hoxe en día carecen de servizos de telefonía móbil ao non prestalos ningunha das grandes operadoras (Movistar, Vodafone e Orange).

Unha das antenas de nova instalación servirá para darlle cobertura ás persoas afectadas na Riba e a outra levaralle o sinal á veciñanza de Lañas e Cabanas.

A Baña sumouse no seu día ao convenio marco que Amtega asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para mellorar a cobertura móbil no rural. O Concello, encargado de identificar que núcleos de poboación teñen cobertura nula, facilitará agora as parcelas onde se construirán as novas torres e a asumirá as acometidas eléctricas necesarias para que funcionen.

A reunión deste martes cos responsables de Amtega foi solicitada polo goberno local ante a demora no cumprimento do convenio. Ademais do alcalde, tamén asistiu o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Pena.