O Concello da Baña fai público o protocolo anti covid para as actividades das Escolas Deportivas Municipais, que ten como obxectivo limitar ao máximo posible a capacidade de transmisión da enfermidade. Este protocolo inclúe unha normativa a seguir por todos os axentes que participan directa ou indirectamente na práctica deportiva, así como os planos das instalacións (pavillón e sala CPI) que regulan os fluxos de circulación das persoas e a ubicación dos diferentes elementos.
Na normativa de protección establecida figura a condición de non compartir material con carácter xeral (ou desinfectalo se é preciso compartilo), deixar os efectos persoais nos espazos habilitados para tal finalidade, realizar unha medición de temperatura antes de comezar a actividade, limpar as mans con hidroxel tanto á entrada como á saída e garantir o mantemento da distancia interpersoal de seguridade e a utilización de máscara. O uso dos vestiarios non está permitido, como tampouco a asistencia de público aos adestramentos ou ás clases.
O protocolo anexo nesta nova detalla polo miúdo as disposicións a adoptar en cada momento tanto por parte do monitorado como das familias ou dos propios deportistas. Inclúe as medidas de desinfección e limpeza de superficies e do material. Tamén se refire á declaración responsable que hai que entregar asinada coa aceptación das condicións de participación, obriga de información e consentimento informado para participar na actividade e explica os pasos a seguir no caso de presentar sintomatoloxía do virus covid 19. Por último, remarca que no caso de xurdir algún gromo nalgunha das instalacións ou actividades, automaticamente se cesará o uso da mesma e contactarase coa autoridade competente para cumprir as súas indicacións.
Inscrición e comezo da actividade
O 5 de outubro ábrese o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas do Concello da Baña para o presente curso 2020/2021. As modalidades que se ofrecen este ano son patinaxe artística, tenis de mesa, karate, pilates, baile moderno, zumba, expresión corporal e xadrez. O prezo de cada actividade (agás xadrez), con dúas clases á semana, é de 60 euros para todo o curso. Se se elixen dúas ou máis, o prezo será de 90 euros.
As clases darán comezo o martes 13 de outubro, trala festividade do Pilar. Nesa semana, entre os días 13 e 16, faranse xornadas de portas abertas para que todas as persoas que o desexen poidan asistir e ver como se desenvolven as distintas actividades.
A inscrición pode facerse a partir de hoxe de tres xeitos diferentes: na sede electrónica do Concello da Baña, na Concellaría de Deportes ou enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Os formularios que hai que remitir son a ficha de inscrición, a domiciliación bancaria e unha declaración responsable por causa da covid-19. Cabe ter en conta que é preciso contar cun número mínimo de inscritos para a realización das actividades e tamén que as prazas son limitadas.
As actividades desenvolveranse polas tardes no pavillón de San Vicenzo e no ximnasio do colexio da Baña. Concretamente, o polideportivo acollerá patinaxe artística (luns e venres de 17:00 a 18:00 horas) e expresión corporal (martes e xoves de 15:45 a 16:45). Pola súa parte, no CEIP da Baña daranse as clases de baile moderno (martes e xoves de 17:00 a 18:00 horas), tenis de mesa (luns e venres de 17:00 a 18:00 horas), karate (martes e xoves de 18:00 a 19:00 horas), zumba (luns e mércores de 19:30 a 20:30 horas) e pilates (martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas). Xadrez farase en liña en horarios aínda por determinar.