• Compaxinou os labores no campo coa recollida de leite polas aldeas e o oficio de soldadora

  • Foi a primeira veciña do municipio en sacar o carné de conducir

  • O vindeiro mes de maio cumprirá 90 anos

Manuela Toja horizontal webManuela Toja Turnes, veciña de Faílde (A Baña), cumprirá en maio 90 anos. Trátase dunha cifra redonda que anima a facer balance dunha traxectoria que non foi nada común porque, ao contrario do que adoitaba pasar cando ela era nova, sendo muller desenvolveuse laboralmente fóra da casa, desempeñou un oficio tradicionalmente masculino como era o de ferreira e foi tamén pioneira ao converterse na primeira bañense en sacar o carné de conducir.

Manuela fai un repaso da súa vida e dos traballos que desempeñou no vídeo co que o Concello da Baña conmemora hoxe o Día da Muller Rural, unha efeméride coa que Nacións Unidas recoñece cada 15 de outubro o papel decisivo das mulleres rurais no desenvolvemento.

“A miña vida non foi a típica das mulleres da época porque eu traballaba igual que os homes. Daquela os homes traballaban nas leiras e as mulleres traballaban nas leiras e na casa, coidando da familia. Eu traballei na labranza, de ferreira e recollendo leite cun motocarro”, sinala Manuela Toja.

Esta veciña de Faílde explica que comezou recoller leite porque os seus pais tiñan unha taberna. “Propúxollo unha fábrica de Padrón e ao principio era a xente á que nos traía o leite, pero despois comecei ir eu polas casas cun cabalo e, cando casei, compramos un motocarro”, conta.

Manuela quitou os permisos de conducir de moto e máis de coche animada polo seu marido cando tiña pouco máis de 30 anos. Ao de moto asegura que foi enganada. Xa sabía andar coa Vespa que tiñan; o problema era que non quería poñer pantalóns para que non se riran dela porque as mulleres non os levaban. Ao final, presentouse igualmente ao exame e aprobou. “Para o outro día, saquei o do coche, tamén á primeira”, lembra.

As críticas que recibiu ao converterse na primeira muller da Baña que conducía non lle importaron. Asegura que ela ía ao seu “e facía moitas viaxes”. Compaxinaba, ademais, esta actividade de leiteira coa de ferreira no taller do home, onde exercía de soldadora. “Fixen moitas sillas e bancos de igrexa”, manifesta. Este foi o oficio co que quedou cando deixou de ir polo leite.

A Baña en feminino

O vídeo de Manuela Tojo, que pode verse na canle municipal de Youtube, é a décima entrega da serie ‘A Baña en feminino. Visibilizando a muller rural’. Trátase dunha iniciativa do Concello bañés que, coa publicación dun audiovisual por mes ao longo do presente ano 2021, ten como fin reflexionar sobre o papel das mulleres na contorna rural e fomentar a igualdade dándolle voz a veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos. As anteriores protagonistas foron:

  • Rosa Rodríguez, cantante do Dúo Rosán, radiografiou o pael da muller na música no mes de setembro, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Vicenzo da Baña. “Agora hai máis mulleres que levan a batuta e seguiremos avanzando”, subliñou, ademais de receitar “inculcar o respecto desde ben pequeniños” como fórmula para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.
  • Noelia Castro, graduada en Educación Infantil e monitora de ocio e tempo libre, convidou a reflexionar sobre o cambio de mentalidade necesario para a igualdade. Fíxoo nun vídeo publicado no Día Internacional da Mocidade, no que esta veciña de Lañas de 22 anos salientou a importancia dos campamentos como “espazos idóneos para promover a igualdade desde a primeira infancia”.
  • Carme Liñares, avoa de cinco netos, protagonizou o vídeo publicado en xullo, con motivo do Día Internacional das Avoas e dos Avós. Esta veciña de Cabanas constataba o difícil que foi “chegar á liberdade de hoxe, porque antes a muller non tiña voto para nada” e convidaba a non dar pasos atrás.
  • Verónica Liñares, enxeñeira de Montes e veciña de Ordoeste, incidiu no mes de xuño na necesidade de dotar á sociedade de “referentes femininos para que desapareza a fenda de xénero existente nas ciencias e nas enxeñarías”.
  • A soldadora Nerea Vázquez protagonizou o vídeo que se publicou no Día do Traballo, no que falaba da presión que sentiu cando decidiu estudar para un oficio tradicionalmente masculino ou das dificultades laborais coas que se atopan as mulleres no sector do metal.
  • Coincidindo co Día do Libro o 23 de abril, a gañadora do premio Álvaro Cunqueiro de teatro Carme Varela avogaba por liberar as mulleres da carga dos coidados. “É un lastre que levamos de sempre, o de coidar primeiro dos nenos e despois dos maiores”, subliñaba a filóloga e escritora de Duomes de Arriba.
  • Xa en marzo, a ex perruqueira Isabel Giraut, promotora da Asociación de Mulleres na Baña, insistía na importancia de que dende pequenos rapaces e rapazas sexan educados para asumir idénticas responsabilidades no fogar.
  • En febreiro, o protagonista foi Carlos Sande, un mozo filloeiro que reclamaba “condicións idóneas” para que as mulleres conten coas mesmas oportunidades ca os homes en todos os eidos vitais, ao tempo que censuraba a existencia de “micromachismos que temos tan interiorizados que nin os cuestionamos”.
  • A mestra xubilada Dolores Allo inaugurou a serie ‘A Baña en feminino’ o pasado mes de xaneiro, co gallo do Día Internacional da Educación, falando das súas vivencias e dos avances que experimentou a sociedade nas últimas décadas de cara a acadar a igualdade.

Enlaces

Vídeo de Manuela Toja: https://youtu.be/PoO_YwIOx1A

Serie A Baña en feminino: https://www.youtube.com/playlist?list=PLU_t6mCcdEg3yixUwdBSdSUuPrKZwYPF2