-
Comeza ás 11.00 horas no castro da Baña cun mercado de artesanía
-
O pregoeiro Pepe Capelán e o dúo Minguante animarán a mañá
-
A batalla castrexo-romana abrirá unha tarde chea de actuacións, cos Gaiteiros da Baña, o Ilusionista Xalleiro e os Festicultores pechando a festa a partir das 23.00h.
-
Haberá premios para ao mellor clan caracterizado, para o clan máis numeroso e para o máis diverso
O Concello da Baña e a Asociación A Baña Emprende organizan o vindeiro sábado 21 de maio a primeira edición da Festa Castrexa da Baña, unha iniciativa que sirve para dinamizar os atractivos turísticos do municipio e para poñer en valor o castro da Baña. Será unha longa xornada festiva, que comeza as once da mañá e rematará pasada a medianoite, coa batalla castrexo-romana e as actuacións de De Vacas e do Bruxo Queiman como pratos fortes da xornada.
Na presentación do cartel da festa, celebrada esta mañá, o alcalde, Andrés García Cardeso, e o presidente da Baña Emprende, animaron a veciños e visitantes acudir disfrazados a esta festa. Á presentación asistiron tamén os concelleiros César Ramos e Lorena Trillo. Como incentivo, a organización entregará un premio de 200 euros ao clan mellor caracterizado (mínimo de 2 persoas) e outros 200 euros para o clan máis diverso (mínimo 8 persoas). Haberá tamén unha cea para os participantes do clan máis numeroso, que deberá contar cun mínimo de nove integrantes. A entrega dos galardóns farase ás oito da tarde. Para participar hai que inscribirse no teléfono 981 886 501 ou mandando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
A I Festa Castrexa comezará ás 11.00 horas no castro da Baña coa apertura dun mercado de artesanía con máis de 40 postos e demostracións en vivo, e obradoiros para menores e adultos. As doce comezarán a repartirse as parcelas e a recollida de dorsais para os clans participantes no concurso, antes de que o humorista e presentador de televisión Pepe Capelán pronuncie o pregón. Antes de xantar, o dúo Minguante presentará o seu primeiro traballo discográfico na sesión vermú.
E despois do xantar disputarase a batalla castrexo-romana entre os diferentes clans participantes (16.30 horas). Os xogos populares (17.30 ) incluirán zancos, carreira d sacos, xogo da chave, arqueólogos na procura do tesouro, o meu xerro castrexo ou creando o meu triscele, entre outras propostas. Antes da actuación dos Gaiteiros da Baña (18.30), o Ilusionista Xalleiro José Benigno tratará de sorprender aos presentes cos seus xogos de maxia.
As nove da noite está prevista un dos pratos fortes da xornada, coa actuación do grupo compostelán De Vacas, que levará ata a Baña as súas divertidas melodías. Coa chegada da noite o lume farase protagonista da festa co espectáculo do Bruxo Queiman, que, sen dúbida, sorprenderá aos presentes. O concerto de Festicultores servirá para rematar esta primeira edición da Festa Castrexa da Baña, para a que xa confirmaron a súa presenza representantes de Friol e Burela, as outras dúas festas destas características que se celebran en Galicia.
Para organizar a I Festa Castrexa, Concello e A Baña Emprenden contan coa colaboración da Deputación da Coruña e Asociación de Mulleres Alborada.