• O día do seu aniversario, o Concello recoñece a un gran defensor do rural e a un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX

  • Unha placa na casa da cultura recordará a efemérides

  • Aos actos asistiron as fillas do galeguista Nora e Xela Pousa, e outros representantes do mundo da cultura galega

  • É o segundo bañense que recibe o recoñecemento, despois de Daniel  García Ramos

20220514 Bana nomea Fillo Predilecto Pousa Antelo 21

Fai 108 anos nacía na Baña Avelino Pousa Antelo, intelectual, escritor e mestre, que tivo un papel activo na defensa do Estatuto de Autonomía de 1936, truncado polo estalido da Guerra Civil. O Pleno da Corporación da Baña aprobou hoxe, o día do seu aniversario e por unanimidade, nomear fillo predilecto a Pousa Antelo, un home que, segundo as súas propias palabras, dedicou toda a súa vida “a desenvolver a conciencia galeguista e a traballar por unha terra máis libre, máis culta e máis dona do seu destino”. Unha placa na casa da cultura lembrará este nomeamento. O vídeo integro do pleno pódese ver nesta nova ou neste enlace (preme aquí). O vídeo do acto institucional de lembranza a Pousa Antelo tamén se pode ver nesta nova ou neste enlace (preme aquí)

Pousa Antelo (A Baña, 1914 - Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor a prol da cultura e da lingua galegas. Foi presidente da Fundación Castelao e, en 2006, recibiu a Medalla Castelao que cada ano entrega a Xunta de Galicia. Así o recolle a proposta presentada pola alcaldía no pleno de hoxe, que foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos.

 

 

Na quenda de intervencións, e entre outros aspectos, o alcalde, Andrés García Cardeso, resaltou a “humanidade” de Pousa Antelo, que “sempre loitou polo realce de Galicia en todos os eidos”. E destacou o “compromiso coa cultura, coa lingua e con Galicia en xeral” que tivo o ilustre galeguista. “Pousa Antelo é un bo exemplo a seguir e un orgullo para o pobo da Baña e de toda Galicia”, concluíu.

O tenente de alcalde, César Ramos, considerou un “acto de xustiza” que o Concello nomee a Pousa Antelo como fillo predilecto, recoñecendo así o “seu traballo, a súa calidade humana, a súa loita continúa por un ideal vencellado sempre ao mundo do campo e da natureza, e a súa defensa da lingua e da cultura galega”.

Para o portavoz socialista, José Antonio Pereira dixo que o de hoxe “era un gran día”, polo recoñecemento que se fai a “Lucho do Peto, cando se compren dez anos do seu pasamento”. Pereira Gil considerou ao homenaxeado como o “principal impulsor do sector agrario, que sempre estivo moi vinculado ao mundo da educación”. 

20220514 Bana nomea Fillo Predilecto Pousa Antelo 8

Unha vez rematado o pleno descubriuse unha placa diante da casa de cultura, na que se lembra o nomeamento de Pousa Antelo como fillo predilecto da Baña. Considerado un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX, Pousa é o segundo Fillo Predilecto do municipio despois de que en 1998 tamén lle concedese esta distinción a Daniel García Ramos.

 

 

Antes dun xantar de confraternidade, celebrouse unha acto diante da casa da cultura no que se lembraron e resaltaron as múltiples facetas de Pousa Antela, todas elas cun denominador común: o seu amor a Galicia e a defensa do campo. No acto, conducido por David Otero, interviñeron Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); Martiño Noriega, en representación do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas 'Mini'; Carme Varela, filóloga e escritora; e as fillas do homenaxeado, Nora e Xela Pousa. O alcalde, Andrés García Cardeso, escusou a ausencia do secretario xeral de Cultura, e leu un escrito remitido por Valentín García para este acto. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretou o himno galego.

20220514 Bana nomea Fillo Predilecto Pousa Antelo 6

Pola tarde, no local social de. Seoane presentase o libro ‘As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega, que recolle algunhas das súas intervencións na canle autonómica. Na presentación intervirán Amancio Liñares, Xoán Xosé Fernández, representantes das familias Arias e Pousa, o ex alcalde José Antonio Pereira Gil e o actual rexedor, José Andrés García Cardeso.