Dende este sábado 26 de agosto poderase formalizar na sede electrónica do concello e dende o luns de xeito presencial
O custo mensual será de 24,20 euros e o trimestral de 72,60 no caso das persoas empadroadas na Baña
O Concello da Baña inicia o período de inscrición na Escola Municipal de Teatro, un servizo que impartirá nocións básicas e medias de arte escénica para a veciñanza a partir dos 3 anos e que se desenvolverá nos meses propios do curso escolar, en horario de tarde con Xan Martínez como profesor.
Esta actividade pretende enriquecer e contribuír a promoción cultural da veciñanza, así coma o desenvolvemento integral e artístico das persoas usuarias dando prioridade á hora da inscrición aos solicitantes menores de idade, a partir dos 3 anos, empadroados na Baña.
A inscrición poderá formalizarse dende hoxe, sábado 26 de agosto, na sede electrónica do concello, e, de xeito presencial na casa consistorial, a partir do luns día 28. O período inicial de matrícula é de 10 días hábiles. No suposto de que, transcorrido este período, queden prazas vacantes calquera persoa interesada que cumpra cos requisitos e presente a documentación requirida nas bases, poderá inscribirse e solicitar a súa participación na Escola de Teatro.
As solicitudes deberán incluír: ficha de inscrición; impreso cuberto da orde de domiciliación de recibos; autorización de captación de imaxe e son así como do uso do número de teléfono; e copias do DNI da persoa usuaria e da persoa titular da conta. As solicitudes de menores de idade deberán ser asinadas pola nai, pai ou titor/a legal do menor. Os formularios pódense descargar nos arquivos adxuntos
As clases desenvolveranse en horario de tarde, durante o curso escolar, quedando pendente de fixar o horario ata que remate o prazo de matrícula e se forme grupo. As clases serán impartidas por Xan Martínez.
A Escola Municipal de Teatro terá unha custo mensual de 24,20 euros e trimestral de 72,60 no caso das persoas empadroadas no Concello da Baña. As persoas de fora do municipio deberán aboar 48,40 como importe mensual e 145,20 ao trimestre.
A Escola Municipal de Teatro botou a andar o pasado mes de decembro coincidindo co trinta aniversario da fundación da escola de teatro bañense Berenguela, que chegou a ser coñecida en toda Galicia tanto pola formación de intérpretes como pola posta en escena de obras de moi diversa índole.