O Día da Patria Galega, ou Día Nacional de Galicia, lévase celebrando dende o seu establecemento como día nacional en 1919 por parte das Irmandades da Fala.
Na Baña, a través dos fondos conservados no arquivo municipal, sábese que se conmemorou, xunto coa bandeira e o himno, en actos de afirmación galeguista na parroquia de Ordoeste nos anos trinta do século XX.
O 25 de xullo de 1948, exiliado na Arxentina, Daniel R. Castelao pronunciou o discurso Alba de Gloria no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia.
A recreación do discurso foi producida para a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", inaugurada na igrexa de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) o 7 de novembro de 2018. Nela, tentouse reproducir o ambiente da primeira lectura de Alba de Gloria e a emoción das súas palabras. Poñédevos cómodos e gozade dunha das mellores pezas de oratoria en lingua galega.
Alba de gloria, discurso de Castelao