• A Festa de Reis incluíu a entrega de premios do I Concurso de Decoración de Nadal, que recoñeceu a creatividade das aldeas participantes

  • A actuación do ilusionista Martín Camiña sorprendeu o público e completou unha xornada pensada para todos os públicos

20260105 Reis

A Festa de Reis da Baña volveu reunir este luns numerosas persoas no pavillón de San Vicenzo, onde a visita das súas Maxestades os Reis Magos se converteu no eixo central dunha tarde chea de ilusión, especialmente para a rapazada.

Os Reis Magos foron recibidos nun ambiente festivo no que repartiron agasallos e doces e escoitaron con atención as peticións e desexos dos nenos e das nenas. A celebración completouse cunha merenda de rosca e chocolate e coa actuación do ilusionista Martín Camiña, que sorprendeu o público cun espectáculo dinámico e participativo.

20260105 DecoracionAo longo da tarde tivo lugar tamén a entrega dos premios do I Concurso de Decoración de Nadal das aldeas da Baña, unha iniciativa impulsada polo Concello para fomentar a participación veciñal e ambientar o municipio durante as festas do Nadal. No acto participaron o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Ana Pensado, que fixeron entrega dos galardóns ás aldeas gañadoras desta primeira edición.

O primeiro premio, consistente nun lote de produtos de decoración de Nadal valorado en 300 euros, foi para Vilar de Cerdeiras, na parroquia de Corneira. O segundo premio, cun lote valorado en 200 euros, recaeu na Rúa das Dores, na Baña, mentres que o terceiro premio, dotado cun lote de 100 euros, foi para Vilar da Torre, na parroquia de Lañas.

Desde o Concello da Baña puxéronse en valor tanto a alta participación rexistrada no concurso como o ambiente vivido durante a Festa de Reis, destacando a boa acollida desta primeira edición e a vontade de seguir promovendo iniciativas que reforcen a convivencia e a implicación da veciñanza.

Ligazóns: