• Manuel Iglesias Turnes afirmou que “as filloas son cultura, son raíz, son parte da nosa historia, da nosa forma de vida. Os barcaleses levámolas no ADN”
  • A organización repartiu máis de 8.000 unidades durante todo o día, soas ou acompañadas de chourizo ou orella
  • Milleiros de persoas gozaron dunha variada oferta cultural e musical
  • De Ninghures pechou a festa cun concerto que xuntou a centos de persoas

20260208 Banha Festa da Filloa da Pedra 1

“As filloas ou son da pedra ou non son”, asegurou esta mañá Manuel Iglesias Turnes, pregoeiro dunha multitudinaria Festa da Filloa da Pedra da Baña. “As filloas son cultura, son raíz, son parte da nosa historia, da nosa forma de vida. Os barcaleses levámolas no ADN”, engadiu o escritor bañense durante o pregón. A organización repartiu durante todo o día máis de 8.000 filloas da pedra, asegurou a tenente de alcalde, Mónica González, encargada da organización.

Foron milleiros de persoas as que este domingo se achegaron ata a Baña para degustar as famosas filloas da pedra, que voluntarias e voluntarios estiveron preparando toda a fin de semana nas 35 pedras colocadas no polideportivo de San Vicenzo. Dende primeiras horas da mañá comezaron a despacharse unidades soas ou acompañadas de chourizo ou orella. 

“Están boísimas”, aseguraron algunhas das persoas que acudiron á festa, corroborando así a afirmación que fixo Manuel Iglesias Turnes durante o pregón: “Non coñezo a ningunha persoa a que non lle gusten as filloas”.

20260208 Banha Festa da Filloa da Pedra 7

Nos actos oficiais participaron o alcalde, José Antonio Pereira; Mónica González; o vicepresidente da Deputación da Coruña, José Regueira; a deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García; a concelleira do PP, Belén Capeáns, así como membros do goberno e da Corporación municipal.

A festa comezou xa a primeira hora coa II Ruta ciclista da Filloa, e continuou con degustación de Ternera Gallega e, todo o día, cunha variada e ampla programación cultural. O obradoiro de treboada, impartido por Oli Xiráldez, ou o de cestería tradicional de Luis do Río estiveron moi concorridos, aínda que non tanto como as actuacións da Escola de Música Tradicional da Baña, As Atrevidas de Monte ou a dos Pequenos da Baña, que animaron a bailar a moitas das persoas presentes.

O Trío Alborada animou a sesión vermú e, pola tarde, a música continuou coas actuacións de Bouba e A Requinta de Lampai, que se foron intercalando co obradoiro de máscaras  En-mascara-Arte, e visitas ao mercado de artesanía situado no exterior do pavillón.

Unha das bandas galegas de moda, De Ninghures, protagonizaron un multitudinario concerto co que rematou a XXII Festa da Filloa da Baña.

20260208 Banha Festa Filloa Pedra Concerto DeNinghures 2