Numerosos familiares e amigos encheron onte o auditorio da Escola de Música Municipal da Baña durante o Festival de Nadal, no que o alumnado puido demostrar os coñecementos adquiridos neste primeiro trimestre de curso. Nas máis de trinta actuacións tiveron un especial protagonismo as panxoliñas e os temas clásicos destas datas como Blanca Navidad, Noche de Paz ou Jingle Bells.
No concerto, que durou unha hora e media aproximadamente, houbo interpretacións individuais e grupais. Ademais de temas que contaxiaron o ambiente do Nadal entre o público asistente, na sala soaron tamén os acordes de temas clásicos, como o Himno da alegría, e repertorio moderno, como as bandas sonoras de Titanic ou Braveheart.
A Escola Municipal de Música da Baña conta na actualidade con 53 alumnos e alumnas de todas as idades, distribuídos nas especialidades instrumentais de piano, acordeón, guitarra española e eléctrica, baixo eléctrico, batería, clarinete, trompeta, saxofón e frauta traveseira. O corpo docente, formado por sete profesionais, está dirixido por Ramón Leis.
Podes ver máis fotos do concerto neste album no Facebook do Concello.